O PP de Vilalba pedirá á Deputación mantemento e limpeza das vías

TerraChaXa
Presentará no Pleno unha moción na que esixirá o apoio do equipo de Goberno
desbroce-estradas-deputacion-vilalba
Estado dunha das vías provinciais
31 Xul 2024

O PP de Vilalba solicita ao equipo de goberno que revise o estado de tódalas vías de titularidade provincial que transcorren polo municipio e esixan á Deputación de Lugo o arranxo de tódalas que presenten deficiencias, ademais de que garanta un mantemento regular e adecuado para evitar o seu deterioro e asegurar a súa funcionalidade a longo prazo. Así mesmo, reclaman a limpeza exhaustiva das cunetas e cruces para mellorar a visibilidade.

Os populares advirten de deficiencias nas estradas provinciais ao seu paso polo municipio “debido á falta de mantemento” e que “comprometen a súa funcionalidade e seguridade”. E poñen como exemplo o firme da LU-P-6513 (Vilalba-Momán) presenta fochancas e desgastes visibles especialmente ao seu paso polas parroquias de Codesido, Tardade, Distriz, Gondaísque e Mourence. E, de forma similar, a estrada LU-P-6519 tamén presenta tramos en mal estado ao seu paso por Santaballa.

Á vista destas carencias, os concelleiros do PP cren necesario “realizar unha revisión detallada das estradas da Deputación e que se leve a cabo unha limpeza e mantemento adecuado para garantir a seguridade dos usuarios e a adecuada conservación das infraestruturas viarias”.

Os concelleiros sinalan que “a través de diversas publicacións e vídeos publicitarios do PSOE de Vilalba, somos conscientes de que a Deputación de Lugo está a realizar arranxos en estradas de titularidade municipal. En principio é unha medida positiva; pero resulta sorprendente que destine recursos a vías municipais pero a Deputación non demostre a mesma preocupación polos arranxos das estradas de súa titularidade”.

ROZA

Os populares advirten que “a maleza medra descontrolada nas marxes das estradas e a situación faise especialmente grave nos cruces” porque “reduce notablemente a visibilidade dos condutores e incrementa o risco de accidentes”.

En relación á roza que está levando a cabo o goberno local nas marxes das estradas municipais, os populares preguntan se se trata de persoal do Concello ou dunha empresa externa. Nese caso, agardan que “o goberno bipartito aclare aos veciños canto costa ese contrato”.

0.1832070350647