O PP de Vilalba pedirá no Pleno da Deputación o arranxo da estrada LU-P-6504

TerraChaXa
A portavoz popular no Concello de Vilalba, Sandra Vázquez, avisa de que a deficiente sinalización vertical en estradas provinciais
Estrada provincial Vilalba 1
12 Feb 2022

"Moitas das estradas que conforman a rede da Deputación están en moi mal estado", como vén denunciando o grupo provincial do PP dende o principio do mandato. Explican que unha vía en "pésimo estado" é a LU-P 6504 ao seu paso polo municipio de Vilalba, cuxa reparación demandarán os populares mediante un rogo, co fin de mellorar a seguridade vial. Os populares anuncian a presentación dunha moción para que a Deputación acometa a dixitalización da rede provincial de estradas utilizando tecnoloxía Building Information Modeling (BIM).

O portavoz popular na Deputación, Javier Castiñeira, sinala: “Dende Vilalba, o grupo provincial do PP anuncia que presentará unha moción no próximo pleno instando ao equipo de goberno a que use fondos Next Generation para dixitalizar mediante tecnoloxía BIM a rede viaria provincial, unha rede que, de novo, comprobamos, neste caso en Vilaba, ten moitas das súas estradas en estado lamentable, que non é o adecuado para  circulen por elas os nosos veciños; no só o firme está mal, senón que a sinalización tamén é moi deficiente”.

Castiñeira explica: “No último congreso que se celebrou sobre o mantemento das redes viarias indicouse que a Administración en xeral, e as deputacións, en concreto, deben dixitalizar os seus inventarios de estradas, para dispoñer dunha ferramenta informática coa que poidan traballar máis eficazmente. É un ferramenta fundamental á hora de saber o estado no que se atopa cada vía, á hora de facer fronte as reclamacións que fan os veciños, como pasa en Lugo, e tamén á hora de preparar pregos para as licitacións para arranxalas”. Considera que “constitúe unha ferramenta de gran utilidade para priorizar os investimentos; a día de hoxe en Lugo, a única fórmula que se usa para priorizar é o dedo do señor Tomé, do peor delegado de Vías e Obras na historia da Deputación de Lugo”.

Para os populares dixitalizar a rede de estradas con tecnoloxía BIM “sería unha ferramenta fundamental, obrigada nos tempos nos que nos atopamos; temos os fondos Next Generation para poder  financiala”. Lembra que outras deputacións de Galicia xa o fixeron, ou o están a facer, e que a Administración autónoma tamén o está a facer con respecto ás súas estradas.

Castiñeira insta ao presidente da Deputación e responsable de Vías e Obras “a que faga os deberes”. Declara: “Non lle vai quedar outra que poñerse ao día. Aproveite os fondos Next Generation. É importante patear a rede provincial, pero vostede, señor Tomé, que non é moito diso, polo menos dispoña dunha ferramenta dixital para coñecer cal é o estado das estradas provinciais e así darase conta do mal que o está a facer na delegación de Vías e Obras”.

Pola súa parte, a portavoz do PP no Concello de Vilalba, Sandra Vázquez, sinala que algunhas das vías provinciais que pasan por este municipio precisan melloras, e é preciso que a Deputación as acometa sen máis demora. Vázquez destaca que o mal estado do pavimento constitúe un problema grave para a seguridade do tráfico en vías como a LU-P6504, que comunica coa parroquia de Carballido. A portavoz popular en Vilalba asegura que “a sinalización, tanto horizontal como vertical, é moi deficiente, o que reduce ás condicións de seguridade vial para os usuarios e pode xerar accidentes”.

0.21024584770203