O PP de Vilalba pide ao goberno local maior rapidez nos pagos a provedores
O Grupo Municipal Popular de Vilalba esixen ao goberno local socialista maior rapidez na tramitación dos expedientes para executar o pago aos provedores. Así o manifestan ante as queixas recibidas pola lentitude coa que se están a materializar: “algúns dos provedores do Concello levan máis de seis meses sen cobrar”.
Dende o PP local aclaran que “non se trata dun problema de liquidez; senón da lentitude endémica coa que o goberno xestiona tódolos ámbitos. Xa é marca da casa chegar tarde a todo”. A este respecto, especifican que “o caótico funcionamento dos servizos municipais se debe á improvisación do goberno local e á carencia de persoal”.
O pago a provedores é un exemplo que se suma á lentitude para sacar a licitación o contrato do lixo caducado dende fai case un ano e sen prorrogar sequera ou a un problema que está a afectar ás familias neste comezo de curso escolar: a tardanza en poñer en marcha o servizo Madrugadores porque o goberno local tardou en tramitar os correspondentes expedientes. “Se o curso comeza en setembro, non se poden tramitar en agosto os servizos; senón que se debe iniciar o procedemento con tempo”, advirten.
“Tamén se retrasou a liquidación do exercicio 2020 pola falta de persoal, motivo polo que se atrasou, á súa vez, a incorporación de remanentes para facer fronte ao plan municipal de axudas aos afectados pola pandemia”.
A este respecto, lembran que “despois de que o plan fora aprobado en xaneiro, que a oposición esixira a súa posta en marcha nun pleno extraordinario en abril no que se aprobaron as súas bases e que se dera o visto bo á incorporación de remanentes noutro pleno extraordinario en agosto para afrontar o pago destas axudas; aínda non sabemos como se vai xestionar”.
“É lamentable que a falta de pouco máis de tres meses para o final do ano, os sectores que viron afectada a súa actividade debido ás medidas para a xestión da pandemia da covid-19 aínda non recibiran os apoios da administración local, a que debería ser a máis próxima e sensible coa situación dos seus veciños e veciñas”, conclúen.
ESCASEZA DE PERSOAL
Os populares explican que “esta situación se debe á lentitude coa que se tramitan os expedientes derivada da escaseza de persoal coa que conta o Concello para facer fronte ao traballo de intervención. A carencia de persoal débese -apuntan- a que o goberno local leva dous anos sen elaborar unha Relación de Postos de Traballo (RPT); a pesar de que o convenio colectivo xa quedou aprobado co anterior goberno do PP”.