O PP de Vilalba pide ao Goberno local que explique o control sobre o proceso selectivo de tres policías locais

O Partido Popular de Vilalba esixe explicacións á alcaldesa e ao goberno bipartito sobre o proceso selectivo para tres prazas de efectivos de Policía Local: “queremos saber que razóns ocultas hai detrás deste afán por asumir o control total dun procedemento que podería xestionarse de maneira independente e sen custe para o Concello”.
Os populares pregúntanse “por que o PSOE quere, agora que está no goberno, controlar o proceso selectivo cando antes estaba a favor de delegar o procedemento na Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) que suporía gasto 0 para o Concello”.
O Concello aprobaba no Pleno de xaneiro de 2019 por unanimidade – votos a favor de tódolos grupos- adherirse a un convenio da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza -da que depende a AGASP- e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) para a selección dos membros dos corpos de policía local, vixilantes municipais e auxiliares de policía local que na súa cláusula 6ª di: “A Comunidade Autónoma asume o financiamento de todos os gastos derivados da xestión e desenvolvemento dos procesos selectivos”.
Despois de comprobar un gasto de arredor de 4.000€ no alugueiro de mesas e sillas ao que hai que sumar as dietas dos 5 membros do tribunal, os concelleiros do PP non poden entender como “tendo a posibilidade de facer un proceso selectivo sen custe para o Concello, o goberno decida afrontar este gasto económico”. Especialmente tendo en conta que “o goberno municipal se queixa continuamente de que non hai cartos para facer cousas porque o presuposto non da para máis”. Pero “a realidade é que cando teñen oportunidade de facer algo gratis, non o queren”.
Os populares preguntan ao goberno local por que non renovou a adhesión ao convenio que estaba vixente ata o 30 de xaneiro de 2023 e que permitiría aforrar custes neste proceso selectivo. E insisten en pedir “transparencia” especialmente tras coñecer que “algúns dos opositores presentaron formalmente alegacións contra o Tribunal seleccionado”.