O PP de Vilalba pide explicacións pola “desatención ao rural”
O Grupo Municipal Popular de Vilalba chama a atención, unha vez máis, sobre “a falta de eficacia na xestión por parte do goberno local socialista que goberna de costas aos veciños e que ten ao rural desatendido”. Ante esta situación, os populares pedirán explicacións no vindeiro pleno por diversos asuntos que afectan tanto ao rural coma ao casco urbano.
Despois de observar como “desapareceron” de varias parroquias como é o caso de Distriz ou Noche os contedores azuis, para a recollida selectiva do papel e o cartón, sen que os vilalbeses souberan os motivos; os populares preguntarán no vindeiro pleno polas razóns de que moitos puntos de recollida habitual agora non dispoñan destes contedores.
Tamén en relación aos servizos das parroquias, o Grupo Municipal Popular volverá a reiterar a súa petición para que “o Concello arranxe de maneira urxente as diferentes pistas das parroquias que se atopan nun estado lamentable”.
A voceira, Sandra Vázquez, explica por outra banda que “fai meses foi aprobada por un unanimidade unha iniciativa presentada polo Grupo Municipal do Partido Popular propoñendo un plan de sinalización para o noso rural. Pero, máis de seis meses despois, seguimos con un abandono total na sinalización no entorno rural e, polo tanto, preguntaremos ao goberno local cando ten previsto desenvolver o plan”.
Pola súa banda, “no casco urbano a sinalización é caótica e, incluso, nalgúns casos as sinais verticais dificultan o paso de peóns e de persoas con mobilidade reducida”. Polo tanto, “cabe esixir ao goberno local que revise a súa colocación; así coma a mellor planificación das obras propias para non dificultar a mobilidade das persoas con dificultades”.
A voceira popular cre que “o goberno local debera acondicionar un acceso alternativo” aos edificios institucionais coma a Casa do Concello, a Oficina Comarcal ou o centro sociocomunitario á hora de limitar a circulación e o estacionamento nas rúas Alcalde Fraga Bello, rúa Guitiriz e Carmiña Prieto Rouco debido ás obras na rúa Xosé María Chao Ledo.
Tamén á hora de velar pola seguridade viaria dos peóns, os populares instan ao goberno local a executar un novo pintado nos pasos peonís que na actualidade non se atopan en boas condicións.
Pésima xestión das obras
Os populares condenan o proceder do goberno local á hora de xestionar e acometer obras. “Ás chapuzas da rúa Calvario e na pista de Bidueiros (Goiriz), agora engádese a súa pésima xestión que fixo que o Concello perdese unha axuda da Deputación para a mellora da praza da rúa da Emigración”, expón a voceira.