O PP de Vilalba pide que se abonen as axudas nominativas do ano pasado
O PP de Vilalba urxiu ao goberno local durante no pleno extraordinariodo luns de forma telemática a abonar as subvencións nominativas correspondentes ao exercicio 2019. Os populares explicaron que “está moi ben conceder subvencións aos colectivos sociais, culturais ou deportivos do noso concello; pero tamén é importante facerlles chegar os cartos cos que contan dende o ano pasado”.
Dende o Grupo Municipal Popular sinalan que “son varias as asociacións que teñen realizado obras e investimentos dende fai moitos meses; pero que aínda non recibiron as contías que quedaran establecidas no orzamento municipal do ano 2019 aprobado polo goberno popular”.
Os populares vilalbeses propuxeron durante o pleno que “os cartos previstos para festas parroquiais que non se puideron ou non se poidan celebrar debido ás medidas de contención da pandemia da covid-19 se dirixan a outro tipo de actividades de dinamización sociocultural na mesma parroquia para a que se destinaban”. É dicir, “defendemos que eses cartos redunden no beneficio dos veciños e veciñas da parroquia”.
Tamén en relación a este mesmo punto da orde do día, os populares manifestaron as súas críticas ao goberno bipartito PSOE-Vilalba Aberta ante a súa falta de rigor por non establecer un criterio para o reparto destas axudas, a pesar de que estando na oposición sempre demandaron este tipo de procedemento para a concesión de subvencións nominativas”.
Piden, ademais, “transparencia” ao executivo vilalbés dende a formación popular sobre os recursos dirixidos a facer fronte á situación de emerxencia sanitaria derivada do coronavirus. “Entendemos que neste momento é preciso establecer medidas para facer fronte a esta crise”; pero “queremos coñecer as medidas e actuacións concretas levadas a cabo dende o Concello con este obxectivo”. En definitiva, “saber en que se gastaron os cartos dos vilalbeses para xestionar a situación de crise sanitaria e económica no nos concello”.
Plan Xeral
Ao non dispoñer dunha partida orzamentaria específica para esta emerxencia social debido a que o goberno local non chegou a levar a pleno unha proposta de orzamento para o 2020, os responsables da xestión municipal aprobaron unha modificación de crédito retirando da partida do Plan Xeral unha cantidade de 30.000 euros. A pesar de considerar prioritario contar con recursos ante esta emerxencia social, os populares comentaron que “isto demostra, por outra banda, a nula implicación do actual goberno de Vilalba por sacar adiante o Plan Xeral de Ordenación Municipal”; xa que “non foi empregada a partida dispoñible nas contas do ano anterior”.
A favor de obras e outros servizos
O Grupo Municipal Popular manifestouse a favor doutras propostas sobre a execución de obras, dotar ao Concello de auxiliares da Policía Local e da modificación de certas ordenanzas para reducir certas taxas municipais coma a de ocupación da vía pública – instalación de terrazas- ou as de construción de obras menores e obras maiores, entre outras.
Convocatoria extraordinaria non xustificada
Os populares volveron manifestar a súa desconformidade coa convocatoria deste pleno extraordinario cando este mesmo xoves se debería celebrar un pleno ordinario. Sinalan que “todas as cuestións recollidas na orde do día desta sesión extraordinaria, poderían ser abordados no pleno ordinario” que, pola súa natureza, permite á oposición achegar propostas e plantexar cuestións. “Tampouco ten sentido a súa convocatoria por motivos de urxencia. Se fora convocado fai un mes, si estaría xustificada a súa celebración para mobilizar canto antes recursos municipais para actuar ante a emerxencia sanitaria derivada da covid-19”, conclúen.