O PP de Vilalba pide que se desenvolva unha campaña de apoio ao comercio

TerraChaXa
O PP propón que o Concello de Vilalba desenvolva unha campaña de apoio ao pequeno comercio para “dinamizar e reactivar o sector”
comercio
26 sep 2022

O Grupo Municipal Popular de Vilalba proporá no vindeiro pleno da corporación local que o Concello leve a cabo unha campaña de apoio ao pequeno comercio de Vilalba, establecendo unha partida económica axeitada, co obxectivo de dinamizar e reactivar o sector comercial”.

Os populares vilalbeses son conscientes de que a subida xeneralizada de prezos que está afectando a tódolos veciños e veciñas coloca aos pequenos negocios ou empresas nun punto crítico porque a demanda está cambiando debido a que os consumidores limitan os gastos aos produtos básicos. Neste caso, cren que “as administracións deben actuar de maneira áxil e eficiente, nun dos momentos más sensibles que vive o pequeno comercio vilalbés”.

A voceira do PP local, Sandra Vázquez, considera que “é necesaria a implicación do Concello de Vilalba de forma que se contribúa a incrementar o fortalecemento e a reactivación económica do comercio vilalbés, contribuíndo a paliar o impacto da actual situación económica”.

Vázquez explica que “o pequeno comercio, que debe estar en constante evolución, agora acelera o cambio ata un novo entorno minoritario. Os cambios sociais e económicos afectan a grandes e pequenos; pero algúns modelos de negocio son más resistentes que outros. Os comercios vilalbeses non son alleos a esta realidade e están a sufrir unha baixada nas vendas dos seus produtos aos que se suma un incremento dos gastos, como consecuencia da subida dos custes enerxéticos”.

Concello Doing Business

Tamén en relación á dinamización económica do municipio, os populares defenden a adhesión do Concello de Vilalba ao programa Doing Business dirixido a atraer inversións aos concellos adheridos. A figura de Concello Emprendedor recollida nun acordo entre a Xunta e a FEGAMP contempla distintos incentivos para a implantación empresarial.

O goberno popular tiña iniciado no anterior mandato as xestións para a adhesión ao programa. En xaneiro do 2020 saía adiante por unanimidade no pleno municipal un acordo para realizar un estudo de valoración. Meses despois ante a pregunta do Grupo Municipal do Partido Popular, a señora alcaldesa dubidaba en poñer  en marcha esta iniciativa e, recentemente, o concelleiro de urbanismo admitía que proseguirían coas xestións para converterse en Concello Emprendedor.

É por iso polo que os populares preguntarán no vindeiro pleno se o equipo de goberno socialista prevé seguir co expediente iniciado no anterior mandato para adherir o Concello ao programa Doing Business e se será antes de final deste ano 2022.

0.13400101661682