O PP de Vilalba pide que se garanta a recollida de lixo nas parroquias dúas veces por semana

TerraChaXa
Os populares pedirán formalmente no vindeiro Pleno que se cumpran as especificacións recollidas no actual contrato despois de detectar incidencias
Lixo-sen-recoller-parroquias-Vilalba
25 Jul 2025

Os concelleiros do Partido Popular de Vilalba instan ao goberno municipal bipartito de PSOE e Vilalba Aberta a “adoptar as medidas necesarias para garantir que a recollida de lixo nas parroquias do rural se leve a cabo coa frecuencia establecida no contrato vixente”.

Os populares advirten que “o actual contrato de recollida do lixo especifica que o servizo se realizará nas parroquias dúas días por semana”, pero “nos últimos meses detectáronse numerosas incidencias que poñen en dúbida o cumprimento desta frecuencia”.

Os veciños e veciñas teñen sufrido as consecuencias dos atrasos na recollida que, nalgúns casos, chegou a rexistrarse cunha frecuencia de máis dunha semana ou mesmo de dúas semanas. Así, dende o PP de Vilalba trasladan a súa preocupación ante o que consideran “non só unha mala imaxe das aldeas e unha fonda sensación de abandono institucional, senón tamén un posible problema de salubridade”.

Os populares cren que “os incumprimentos e atrasos evidencian que se require un control moito máis estrito” polo que esixen que “o responsable do contrato, unha persoa designada polo Concello, desenvolva as súas funcións e poña solución as incidencias prestando especial atención ás parroquias máis afectadas e asegurando unha resposta áxil ante calquera incidencia que se produza”.

Os populares tamén preguntarán na vindeira sesión plenaria sobre a distribución e o número de colectores do lixo dispoñibles no polígono industrial. Dende o Partido Popular sinalan que o parque empresarial, como pulmón económico, “concentra un importante volume de actividade” e, como tal, xera un gran volume de residuos. Así, advirten que o número de colectores actual é “insuficiente” e queren saber se está previsto incrementar as unidades para mellorar a situación.

Así mesmo, interesaranse por coñecer se a empresa adxudicataria do servizo de recollida do lixo e limpeza viaria dispón de vestiarios femininos.

⚙ Configurar cookies
0.1999728679657