O PP de Vilalba pide un plan municipal de sinalización de lugares interese turístico e cultural
Os populares de Vilalba demandan un Plan Municipal de Sinalización das principais parroquias, barrios e espazos de interese turístico e cultural dotado cunha partida de 100.000 euros nos futuros orzamentos municipais para o próximo ano 2022.
A voceira do Grupo Municipal Popular, Sandra Vázquez, sinala que esta proposta que defenderán no vindeiro pleno da corporación vilalbesa consta dunha dobre vertente. Por unha banda, “consideramos necesaria manter unha correcta sinalización da rede de estradas municipais porque permiten a mobilidade dos veciños e conectan núcleos de poboación; pero, especialmente, porque facilitan o acceso aos servizos esenciais ou de urxencias”.
Por outro lado, cremos que “o Concello debe coidar, manter e tamén facer visibles para os visitantes os lugares e recursos de interese turístico das 29 parroquias vilalbesas”. Polo tanto, “faise imprescindible sinalizar as zonas de interese turístico e cultural co obxectivo de facilitar a mobilidade dos visitantes interesados en coñecer o noso patrimonio”.