O PP de Vilalba presenta unha iniciativa para impulsar o rural

TerraChaXa
O PP de Vilalba presenta unha iniciativa para combater “a situación de abandono do rural por parte do goberno socialista”.
núcleo rural
27 Xul 2021

O Grupo Municipal do PP de Vilalba lamenta “a situación de abandono do medio rural por parte do equipo de goberno socialista” que “en dous anos de mandato non só non desenvolveu ningunha iniciativa de auténtico interese; senón que nin sequera ten presentado ou esbozado ningún proxecto para o devir das parroquias de Vilalba”. Nese sentido, apuntan que “os feitos son totalmente contrarios ás proclamas que facían antes dende a oposición”.

Ante esta situación, os concelleiros populares defenderán no pleno do vindeiro xoves 29 de xullo unha moción “a necesidade de elaborar unhas liñas de actuación para o desenvolvemento do rural de Vilalba que leven expectativas de futuro aos veciños das súas parroquias” e que se desenvolvan ao longo prazo atendendo á limitación de recursos do Concello e da necesidade de contar coa colaboración doutras Administracións.

Camiños, Internet, achegar servizos, transporte público e sinalización

A proposta do Grupo Municipal Popular recolle a elaboración dun plan de camiño para atender ao aglomerado, a rexeneración e a reparación de vías municipais dotado cun investimento de 1,3 millóns de euros anuais procedentes de fondos propios e doutras administracións.

Outra das liñas de actuación propostas versa sobre a elaboración dun estudo técnico para asegurar a conexión a Internet de banda ancha no entorno rural do concello, fortemente lastrado polas actuais deficiencias de cobertura.

Igualmente, propoñen a elaboración e posta en marcha dun programa de proximidade rural que permita achegar ás parroquias a prestación de servizos concretos de asistencia social, tales como a instauración de casas niño, casas de maiores, e un sistema de atención de persoas en situación de risco. Tamén inclúe na súa iniciativa instaurar liñas de transporte público en zonas illadas e a posta en marcha dun plan de sinalización de vías e núcleos rurais.

O voceiro popular no consistorio, Agustín Baamonde, fai fincapé “na capital importancia do rural na estrutura poboacional, social e económica de Vilalba” que fai que “non se pode entender o futuro do noso concello sen prestar atención ao porvir das 29 parroquias que o configuran”.

Festas patronais e situación do MUPAV

Os populares volverán preguntar tamén nesta sesión plenaria pola previsión do equipo de goberno en relación coa celebración das festas patronais de San Ramón e Santa María. Concretamente, queren coñecer se se vai suspender a súa celebración como ocorreu o ano pasado ou se vai a realizar algún tipo de programación.

Tamén volverán preguntar en que fase está, actualmente, o estudo encargado sobre a situación xurídica do MUPAV.

Plan de axudas para a hostalaría e o comercio de Vilalba

Dende o Grupo Municipal Popular interesaranse de novo durante a sesión plenaria da corporación municipal vilalbesa polo plan de axudas á hostalería e ao comercio para facer fronte aos prexuízos provocados pola covid-19 e que fora aprobado no pleno do pasado mes de xaneiro.

“Seis meses máis tarde, nada se sabe ao respecto, a pesar de que o tema foi obxectivo dun pleno extraordinario. O certo é que o desleixo, a neglixencia e o abandono do goberno municipal xa alcanzan niveis escandalosos, polo desprezo que supón para cos sectores afectados e pola demostración da súa falta de xestión”, indicou Baamonde.

Nese sentido, preguntarán se está rematada a liquidación do Orzamento Municipal do ano 2020 e cando ten previsto o goberno municipal facer efectivo o citado plan de axudas. Ademais, queren que o goberno socialista aclare se é certo ou falso o rumor de que quere esquecer este plan e quedar co importe previsto para o mesmo para poder adicalo a outras actuacións municipais.

0.16700100898743