O PP de Vilalba propón a creación dunha concellería da Terceira Idade e máis servizos para as parroquias

TerraChaXa
Os servizos sociais seguen sendo unha prioridade para o Partido Popular de Vilalba.
24 May 2019

Os servizos sociais seguen sendo unha prioridade para o Partido Popular de Vilalba. Así, unha das medidas estrela que a agrupación leva no seu programa electoral é a creación da concellería da Terceira Idade. Trátase dunha infraestrutura coa que o actual alcalde e cabeza de lista dos Populares, Agustín Baamonde, busca que sexa o Concello quen se achegue ás persoas maiores.

A instauración desta nova área supoñerá, así mesmo, a creación dunha nova figura: o defensor do maior. A súa función será, fundamentalmente, velar pola asistencia e a protección dos maiores do municipio. A medida complementarase coa elaboración de programas de detección de persoas en situación de risco, así como coa creación dun servizo de proximidade rural, achegando ás parroquias servizos concretos de atención social.

Outra dos plans da agrupación será a posta en marcha do centro de día, reforzándoo con programas de asistencia social e medidas de igualdade e loita contra a violencia de xénero.

A potenciación e o reforzo do Servizo de Axuda non Fogar ( SAF) e a continuación do Plan Concertado de Servizos Sociais serán as outras dúas liñas de traballo do equipo de goberno nos próximos anos.

DESPOBOAMENTO

O actual rexedor e cabeza de lista do Partido Popular de Vilalba, Agustín Baamonde, leva no seu programa electoral varias medidas para combater o despoboamento e fixar máis poboación nos núcleos rurais do municipio. O obxectivo das propostas de Baamonde é promover a interactuación entre a zona rural e a urbana e reducir as diferenzas entre ambas as áreas.

Baixo esta premisa, proponse a creación de novas liñas de transporte público en lugares illados do termo municipal e a implantación de novos servizos de asistencia social nas parroquias. En consonancia con esta medida, exponse a instauración dun plan para a conexión da internet de banda ancha nos locais sociais do municipio.

A mellora das condicións da seguridade viaria foi unha das follas de roteiro do equipo de goberno durante estes anos. Así, na última lexislatura o goberno local encabezado por Agustín Baamonde investiu 4 millóns de euros na rexeneración de camiños na zona rural. Agora, o compromiso dos Populares é destinar un mínimo de 750.000 euros cada ano durante o próximos catro para seguir acondicionando vías e estradas dos núcleos rurais. Como medida complementaria, o Partido Popular propón a creación dun plan de sinalización de vías e rúas rurais.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.17528104782104