O PP de Vilalba propón medidas para que a mocidade "elixa vivir e traballar no concello”
Sandra Vázquez recoñeceu o esforzo dos mozos e mozas durante unha charla-coloquio sobre talento xuvenil vilalbés á que asistiron Javier Nodal e Cristina Pichel.
A candidata popular á alcaldía, Sandra Vázquez, aposta por “unha Vilalba con futuro” e así o deixou claro durante unha charla-coloquio para poñer en valor o talento xuvenil vilalbés. “Os mozos e mozas son o futuro e, se queremos que elixan ao noso concello para vivir e traballar, a administración local ten que facer políticas acordes ás súas necesidades nos distintos ámbitos e, por suposto, aplicar medidas para fomentar a creación de emprego e actividade social na nosa vila”.
A xornada organizada polo Partido Popular contou coa participación de Javier Vázquez Nodal e Cristina Pichel. O secretario xeral do PP provincial aproveitou para destacar “a implicación de Sandra con Vilalba e o proxecto sólido que representa o Partido Popular, que é a única alternativa ao actual desgoberno socialista. A candidatura que lidera Sandra Vázquez é a única que pode proporcionar ao municipio un goberno eficaz, con capacidade de xestión e baseado na atención aos vilalbeses para construír entre todos un futuro prometedor”.
VILALBA TEN POTENCIAL
A alcaldable do PP recoñeceu o esforzo dos mozos e mozas de Vilalba que impulsan os seus negocios ou que están a traballar para construír a súa carreira profesional e defendeu “as infinitas posibilidades de Vilalba para a implantación de máis actividade económica”.
A xornada contou coa participación de dous mozos vilalbeses. Por unha banda, Xabi Paz, xerente da Finca Enxebreza e socio-propietario de PizzCa, que a popular definiu como “un exemplo de emprendedor mozo que aposta polo rural”. E, pola outra, Isma Vázquez abordou o que supuxo comezar a desenvolver o seu labor profesional como enfermeiro durante a pandemia da covid-19 e como compaxina a súa profesión coa súa paixón polo fútbol sala. “De feito, militou catro temporadas na primeira división e agora, ademais de adestrar ao filial, é o capitán do Vilalba Fútbol Sala, que recentemente lograba o ascenso á segunda división B; un logro que é orgullo para todos os vilalbeses”, expuxo a alcaldable.
PROPOSTAS DO PROGRAMA ELECTORAL
Sandra Vázquez cre que “o goberno local debe facilitar a implantación de empresas” e para iso propón no seu programa electoral a creación de axudas municipais para emprendedores, ademais de ampliar o solo industrial e facer as xestións para adherirse ao programa de Concello Emprendedor que permite ofrecer incentivos fiscais aos novos negocios. Igualmente, aposta pola formación Dual e por desenvolver novas iniciativas no eido do turismo que xeren máis oportunidades económicas.
A candidata popular ten en conta que “hai que construír un concello que tamén sexa atractivo para vivir” e por iso propón novas infraestruturas deportivas, actividades sociais, deportivas e culturais, mellores políticas sociais e medidas para favorecer a mobilidade, entre outras cuestións.