O PP de Vilalba propón un plan de medidas para o rural
O PP de Vilalba defende que “o goberno local debe implicarse e traballar para achegar os servizos á zona rural e non abandonar aos veciños e veciñas que vivan máis afastadas do casco urbano”. É por iso polo que os concelleiros do Grupo Municipal Popular propoñen de cara ao pleno do vindeiro xoves aprobar unha iniciativa para corrixir “a situación de abandono da zona rural por parte do equipo de goberno socialista, que en máis de tres anos e medio de mandato, non ten presentado nin esbozado ningún proxecto para o conxunto das parroquias vilalbesas”.
A voceira e candidata do PP á alcaldía, Sandra Vázquez, sinala que “un concello coma Vilalba cunha extensión de 380 quilómetros cadrados e unha dispersión poboacional que alcanza os 600 núcleos require un gran esforzo de xestión e implicación por parte do goberno local; pero, para o goberno liderado pola señora Veleiro non é primordial atender as parroquias da zona rural, as súas 29 parroquias, e tampouco ás persoas que viven nelas”.
Os populares propoñen iniciar o expediente, cumprindo coa legalidade vixente, para que o Concello de Vilalba elabore un plan de camiños, cun investimento anual de 1.000.000€ anuais con fondos propios e doutras administracións, para atender ao aglomerado, a rexeneración e a reparación das vías municipais. Así mesmo propón un proxecto de abastecemento de auga, cun investimento de 500.000€ anual, para atender as demandas das diferentes parroquias do noso Concello.
Reclama que se poña en marcha programas de dinamización social rural nas casa escola das nosas parroquias co obxectivo de fomentar as relacións persoais entre os nosos maiores e aprender diferentes actividades que se oferten dende a organización e que poña en marcha o plan de sinalización aprobado en sesión plenaria a iniciativa do Partido Popular e que segue sen ter avances na maioría das parroquias que forman parte do noso municipio.
Finalmente demanda que se elabore un plan de axudas económicas a todas as asociacións veciñais do Concello de Vilalba, cun investimento de 100.000€ para o arranxo e mantemento das casas escola.
Ponte da Ribeira
O Grupo Municipal Popular reclamaba ao equipo de goberno do Concello de Vilalba, no mes de setembro do 2021, unha actuación inmediata coa que reparar a Ponte da Ribeira. E, debido ao incremento do seu deterioro, volvemos recordar a necesidade de actuar en abril do 2022.
“Observando como o equipo de goberno segue facendo oídos xordos ás demandas dos veciños da zona, volvemos instar ao Concello a que repare, na maior brevidade posible, a Ponte da Ribeira que une as parroquias de San Simón e Samarugo, en aras de evitar calquera situación de perigo que poida xurdir derivada do seu deterioro”, explica Vázquez.