O PP de Vilalba propón unha declaración institucional con motivo do 25N
O Grupo Municipal Popular de Vilalba vén de rexistrar unha proposta de declaración institucional con motivo da conmemoración do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia Contra as Mulleres.
A menos dunha semana para a súa conmemoración, os populares propoñen aos distintos grupos a aprobación dun posicionamento claro por parte da corporación do Concello de Vilalba contra a violencia de xénero e a prol da igualdade. Polo tanto, convidan a sumarse ao rexeitamento a esta lacra que deriva en importantes consecuencias negativas para mulleres e familias.
A voceira, Sandra Vázquez, cre que toda a sociedade se debe implicar na erradicación de todas as formas de violencia contra as mulleres; incluídas tamén as distintas administracións sumando esforzos na aplicación das políticas axeitadas para protexer ás mulleres vítimas de violencia de xénero e ás súas familias.
Os populares lembran “ás vítimas falecidas e ás súas familias; así como tamén a aquelas mulleres que seguen sufrindo maltrato en silencio e, especialmente, ás máis vulnerables”.
PROPOSTA DE DECLARACIÓN INSTITUCIONAL
Con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia Contra a Muller, que se conmemora cada 25 de novembro desde o ano 2000, queremos manifestar a nosa máis enérxica repulsa contra esta lacra que afecta a todos os estratos da sociedade e a toda a poboación, sen importar a idade ou calquera outra condición.
A violencia contra as mulleres e as nenas é unha das violacións máis xeneralizadas dos dereitos humanos no mundo, tal e como recoñece a ONU. É máis, esta organización internacional sinala que a violencia de xénero prodúcese cada día en todos os recunchos do planeta e ten graves consecuencias físicas, psicolóxicas e económicas sobre as mulleres e as nenas, tanto a curto como a longo prazo, ao impedirlles participar plenamente e en pé de igualdade na sociedade.
En consecuencia, a súa loita debe ser integral e contar co conxunto da sociedade, especialmente, cos poderes públicos e administracións, sexan estas internacionais, nacionais, autonómicas e, por suposto, locais.
Por iso, tal día como hoxe, queremos lembrar a todas as vítimas falecidas por violencia de xénero, aos seus familiares e a todos aqueles que sofren as consecuencias destes ataques aos dereitos fundamentais que, por lei, ten todo ser humano.
Son máis de 1.100 mulleres asasinadas polas súas parellas ou exparellas só polo feito de ser mulleres desde que se comezaron a contabilizar nas estatísticas estatais no ano 2003. E a elas hai que sumarlles as fillas e fillos asasinados e os que quedaron orfos, así como os seus familiares e amigos, marcados de por vida por esta lacra.
Tamén queremos recordar ás mulleres que seguen sufrindo en silencio calquera forma de maltrato, e especialmente ás máis vulnerables, como as mulleres vítimas de trata e explotación sexual, as menores de idade, as mulleres de idade avanzada ou as mulleres con discapacidade. Vítimas de calquera violencia: física, sexual, económica, psicolóxica, vicaria ou dixital.
Nun mundo tan dixital e á vez tan perigoso, a violencia dixital debe perseguir as condutas violentas exercidas a través das novas tecnoloxías. Fitos históricos que contan co acordo de todos os grupos parlamentarios e políticos na nosa Comunidade Autónoma e que afianzan os alicerces dunha sociedade igualitaria entre mulleres e homes: libre de toda violencia de xénero.
A prioridade é seguir traballando para erradicar todas as formas de violencia contra a muller porque somos conscientes de que, a pesar dos avances alcanzados, queda aínda camiño por percorrer.
E para iso resulta imprescindible a coordinación entre institucións, co fin de lograr unha reposta máis rápida e eficaz a todos os niveis, afondando en piares básicos como a concienciación, a formación, a información e a reprensión social.
Pero a mensaxe máis importante nun día coma o de hoxe é que hai saída da violencia de xénero e que ningunha muller está soa. Seguimos comprometidos e sumando esforzos nesta loita.