O PP de Vilalba propón unha declaración institucional polo Día contra a violencia de xénero
O PP de Vilalba propón aos grupos da corporación municipal a aprobación dunha declaración institucional con motivo do Día Internacional da eliminación da violencia contra as mulleres que se conmemora cada 25 de novembro.
A portavoz do Grupo Municipal Popular e presidenta da xestora, Sandra Vázquez, sinala que “en menos dunha semana conmemorase este día para visibilizar a violencia machista e demandar as medidas que sexan necesarias para a súa erradicación; así coma para reivindicar a igualdade de dereitos para todos e todas” e, polo tanto, cre conveniente que a corporación local se manifeste ao respecto. “É unha proposta para dialogar e tratar de chegar a un acordo cos grupos de PSOE e Vilalba Aberta porque este é un asunto que transcende as diferenzas políticas”.
Nese sentido, os populares amosan a súa repulsa ante esta lacra e teñen palabras de recordo para as vítimas e todas as mulleres en situación de vulnerabilidade que sofren este tipo de maltrato.
O texto proposto e que o PP de Vilalba vén de rexistrar no Concello e trasladar aos grupos municipais é o seguinte:
Con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia Contra a Muller, que se conmemora cada 25 de novembro dende o ano 2000, queremos manifestar a nosa máis enérxica repulsa contra esta lacra que afecta a todos os estratos da sociedade e a toda a poboación, sen importar a idade ou calquera outra condición.
Como recorda cada ano a Organización de Nacións Unidas, a violencia contra as mulleres é unha das violacións de dereitos humanos máis xeneralizadas, persistentes e devastadoras do mundo; pero tamén é a forma máis extrema de discriminación, con graves consecuencias físicas, económicas e psicolóxicas sobre as mulleres a curto e a longo prazo, que lles impiden participar plenamente e en condicións de igualdade na sociedade.
Por iso, tal día como hoxe, queremos lembrar a todas as vítimas falecidas por violencia de xénero, aos seus familiares e a todos aqueles que sofren as consecuencias destes ataques aos dereitos fundamentais que, por lei, ten todo ser humano.
Son máis de 1.000 mulleres asasinadas polas súas parellas ou exparellas só polo feito de ser mulleres desde que se comezaron a contabilizar nas estatísticas estatais no ano 2003. E a elas hai que sumarlles as fillas e fillos asasinados e os que quedaron orfos, así como os seus familiares e amigos, marcados de por vida por esta lacra.
Tamén queremos recordar ás mulleres que seguen sufrindo en silencio calquera forma de maltrato, e especialmente ás máis vulnerables, como as mulleres vítimas de trata e explotación sexual, as menores de idade, as mulleres de idade avanzada ou as mulleres con discapacidade. Vítimas de calquera violencia: física, sexual, económica, psicolóxica, vicaria ou dixital. Porque todas son vítimas e é necesario que teñan ese recoñecemento e amparo legal. De feito, Galicia leva a dianteira e a súa normativa é moito máis ampla que a estatal no recoñecemento da violencia sexual, os abusos sexuais e o acoso sexual como formas de violencia de xénero, incluídos na Lei galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.
Pero a Comunidade galega tamén foi pioneira en incluír a violencia vicaria na súa lexislación, para recoñecer como tal a exercida sobre unha muller a través do homicidio, asasinato ou outra forma de violencia que implique aos seus seres queridos coa finalidade de causarlle o maior dano por parte de quen fora a súa parella ou mantivera unha relación con ela.
E tamén traballamos por incluír a violencia dixital para perseguir as condutas violentas exercidas a través das novas tecnoloxías. Fitos históricos que contan co acordo de todos os grupos parlamentarios e políticos na nosa Comunidade e que afianzan os alicerces dunha sociedade igualitaria entre mulleres e homes: libre de toda violencia de xénero.
A prioridade é seguir traballando para erradicar todas as formas de violencia contra a muller porque somos conscientes de que, a pesar dos avances alcanzados, queda aínda camiño por percorrer. E para iso resulta imprescindible a coordinación entre institucións, co fin de lograr unha reposta máis rápida e eficaz a todos os niveis, afondando en piares básicos como a concienciación, a formación, a información e a reprensión social.
Pero a mensaxe máis importante nun día coma o de hoxe é que hai saída da violencia de xénero e que ningunha muller está soa. Seguimos comprometidos e sumando esforzos nesta loita.