O PP de Vilalba quéixase do estado do terreo de xogo do estadio da Magdalena
O PP de Vilalba sinala outro exemplo do “desastre na xestión por parte do goberno socialista” en relación ás instalacións de titularidade municipal. Trátase do “calamitoso estado do terreo de xogo do estadio municipal da Magdalena” que durante o encontro desta fin de semana da Terceira División entre o Racing Club Vilalbés e o Deportivo Fabril foi definido polo público asistente como de “patatal”.
Os populares vilalbeses xa teñen reclamado actuacións no auditorio municipal e nas instalacións que albergan o Museo da Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba; pero agora engádese tamén o mal estado das instalacións deportivas máis importantes das que dispón o Concello de Vilalba, “un dos mellores campos de fútbol de Galicia que pasou de ser envexada a ser considerada agora un desastre”.
Os populares condenan a xestión do equipo de goberno que “parece empeñado en descoidar todas as instalacións feitas con anterioridade ao actual mandato. É unha neglixencia deixar de atender e manter as instalacións municipais”, manifesta a voceira, Sandra Vázquez.
O Grupo Municipal Popular demanda, polo tanto, que “o goberno socialista se poña mans á obra e xestione o coidado das instalacións existentes no inventario do Concello de Vilalba, que son patrimonio de tódolos vilalbeses”.