O PP de Vilalba quere destinar os cartos que non se gastaron nas festas aos centros de ensino

TerraChaXa
O Grupo Municipal do PP de Vilalba propón dirixir os preto de 60.
16 sep 2020

O Grupo Municipal do PP de Vilalba propón dirixir os preto de 60.000 euros da partida económica do Concello ás festas de San Ramón e Santa María aos centros educativos de infantil e primaria de Vilalba para facer fronte á covid-19. Estas axudas permitirían mercar material de protección e desinfección ou para a realización de obras dirixidas á adaptación de espazos ou aseos.

A proposta que defenderán os populares no vindeiro pleno recolle as contías que percibiría cada centro no caso de prosperar esta iniciativa que pretende ofrecer solucións ante a situación que vivimos na actualidade. Así, os 55.467,60 euros que o orzamento municipal recollía para as festas patronais que non se celebraron como medida de prevención fronte á expansión do coronavirus entre os centros vilalbeses. Tomando como referencia o orzamento que reciben da Consellería de Educación para esta anualidade e outorgándolle a cada centro unha cantidade equivalente ao 60%; o Ceip Ínsua Bermúdez recibiría 18.687,60 euros; o Mato Vizoso 18.312 euros; ao Ceip Terra Chá corresponderíanlle 8344,20 euros; ao Monseivane ata 5182,80 euros; e á Escola Infantil de Vilalba, 4.941 euros.

Os populares detallan incluso na súa iniciativa o tipo de materiais que poden adquirir os centros ou as obras que se poden acometer. No primeiro caso a achega podería dirixirse á compra de máscaras (FFP2, hixiénicas ou cirúrxicas), xel hidroalcólico, dispensadores de xel e papel, papeleiras de pedal, luvas, máquinas de desinfección, sinalización e cartelería, etc. Así mesmo, esta achega podería dirixirse a adaptación de espazos para cumprir a ratio tanto en aulas coma bibliotecas ou outros espazos comúns ou tamén para a reforma ou adaptación de aseos.

Tal e como explican dende o Grupo Municipal Popular, as contías poderían ser gastados dende o 1 de setembro do 2020 ata o 30 de xuño de 2020 e xustificadas mediante unha memoria descritiva acompañada das facturas correspondentes entre o 1 e o 15 de xullo do 2021. E no caso de que os centros non sexan capaces de xustificar o gasto das contías terían que devolver o diñeiro asignado ao Concello con data límite do 31 de agosto do 2021.

Proposta realista, seria e acorde á legalidade
Os populares sinalan que se trata dunha proposta realista, seria e acorde á legalidade porque tanto o decreto que regula a xestión económica coma o decreto polo que se aproba o regulamento orgánico dos centros de infantil e primaria recollen a posibilidade de percibir achegas de particulares ou de entidades públicas ou privadas.

Así mesmo, dende o PP local explican que “a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Educación vén de establecer instrucións para a implantación da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público no ámbito dos centros docentes dependentes da Consellería co obxectivo de facilitar aos centros educativos a adquisición de materiais para facer fronte á covid-19 e facer obras de carácter xeral”.

Os populares quixeron achegar propostas concretas para poñer o seu gran de area na loita contra a covid e para o desenvolvemento dun curso escolar en condicións de seguridade para tódolos nenos e nenas de Vilalba. “Nestes momentos, o que menos se debe facer é demagoxia política”, conclúen.

0.16210699081421