O PP de Vilalba reclama a limpeza e mantemento dos aseos do aparcadoiro soterrado da praza da Constitución
O PP de Vilalba chama a atención ao goberno bipartito polo abandono dos aseos no aparcamento soterrado da Praza da Constitución e pedirá no vindeiro pleno que “o equipo de goberno adopte de forma inmediata as medidas necesarias para garantir a hixiene e a salubridade neste espazo e o seu entorno”.
“O que pedimos son unhas instalacións que permitan ser usados polos veciños e veciñas en condicións hixiénico-sanitarias e, para iso, é preciso establecer un programa de limpeza e mantemento periódico”, explican.
Os populares explican que “se acumula sucidade nas escaleiras de acceso ao soterrado e nas proximidades dos aseos onde se poden atopar todo tipo de residuos”. E isto débese á “falta de mantemento e de limpeza periódica”; xa que “desde que se aplicou a limitación de horario no aparcadoiro, o goberno local non realizou ningún tipo de mantemento preventivo”.
“Calquera persoa do municipio ou calquera visitante pode comprobar que as instalacións están completamente deterioradas e que os baños non se atopan en condicións aptas para o seu uso”, indican. De feito, engaden que “esta situación é especialmente preocupante nos horarios de apertura dos establecementos de hostalería e comercio, que é cando máis afluencia de persoas hai en Vilalba”.
Os concelleiros do PP lembran que, recentemente, o goberno municipal tapiou con ladrillos a porta dos antigos baños que fora destruída por persoas que intentaban pernoctar na zona.