O PP de Vilalba reclama alumeado público LED para Noche
Os concelleiros do PP de Vilalba defenderán no vindeiro pleno do Concello a renovación do alumeado público da parroquia de Noche mediante cabreado e luminarias de tecnoloxía LED en lugar de equipos con alimentación de enerxía solar como propón o equipo de goberno para substituír as existentes.
Trátase dunha petición dos veciños que, durante unha reunión cos concelleiros populares, amosaron a súa preocupación ante a proposta do goberno local xa que dubidan de que a nova instalación proposta garanta unhas condicións de iluminación, tanto nas horas de funcionamento como na cantidade lumínica, en igualdade de condicións que o resto de veciños e parroquias do municipio.
Os populares levarán a pleno unha proposta para que o Concello promova “o estudio da viabilidade técnica e económica para dar solución os barrios que compoñen a parroquia de Noche, nos que algún xa teñen instalado o alumeado solicitado como son as zonas de próximas á vía LU-541, ao seu paso por esta parroquia”.
Así, inclúen na súa iniciativa que, ademais do cabreado e as luminarias LED, se inclúa o trazado de canalizacións eléctricas e equipos necesarios para a súa conexión á rede eléctrica municipal para unha maior eficiencia enerxética e luminosidade.
Os populares explican que “os veciños e veciñas afectados polo cambio de luminarias nos teñen amosado a súa vontade e compromiso de darse de alta no pago das taxas da recollida do lixo no momento da electrificación do seu barrio. Esta colaboración é esencial para o mantemento e a sostibilidade das melloras propostas, contribuíndo así ao benestar e progreso da nosa comunidade e concello”, defenden.
INCLUSIÓN DO MUPAV NA REDE MUSEÍSTICA PROVINCIAL
O Grupo Municipal Popular tamén proporá que o Concello inicie un expediente para solicitar a colaboración da Deputación de Lugo para que o Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba (MUPAV) se integre na Rede Museística Provincial.
Os populares propoñen esta iniciativa para evitar a desaparición “dunha institución de gran valor histórico, cultural e pedagóxico do noso municipio” que leva tempo pechado debido ás deficiencias que presenta o inmoble e ante as que o goberno local socialista non fixo nada. A situación derivou na dimisión do seu director e no inicio dos trámites para a súa disolución.
MORDAZA
Os concelleiros do PP volven amosar o seu descontento pola reconversión das mocións en rogos. “Unha das diferencias é que as mocións se votan e os rogos non”, explican. Polo tanto, cren que “a alcaldesa socialista -co consentimento do seu socio de goberno que dende a oposición tildaba este proceder como unha mordaza- quere evitar amosar claramente o seu posicionamento sobre temas que afectan directamente aos veciños de Vilalba porque, deste xeito, non terá que votar nin a favor nin en contra das nosas propostas”.