O PP de Vilalba reclama ao Goberno local que elabore os orzamentos do 2026

O PP ve ao goberno local de PSOE e Vilalba Aberta “incapaz de presentar uns orzamentos municipais en tempo e forma” á vista de que “deberían estar aprobados no ano pasado para entrar en vigor o 1 de xaneiro, pero aínda non temos noticias dos orzamentos para este 2026”. Os populares consideran que “todo indica que o espello no que se miran é o do Goberno de Pedro Sánchez e Yolanda Díaz, que levan tres anos prorrogando os Presupostos Xerais do Estado. En ambos casos son, ademais, gobernos apoiados polo BNG.
“Este non é un feito illado”, segundo advirten dende o PP vilalbés; xa que tamén acumulan “atrasos reiterados na aprobación da Conta Xeral”. Tendo en conta que “esta é unha obriga establecida por lei, o seu incumprimento provoca a perda de subvencións e axudas que o Concello puidera percibir por parte doutras administracións”.
Os populares esixirán, polo tanto, no Pleno deste xoves que o goberno municipal tramite, someta a información pública e leve á sesión plenaria a Conta Xeral dentro dos prazos legais establecidos “poñendo fin a unha situación de incumprimento reiterado”. E tamén que elabore e presente para a súa aprobación os Orzamentos Municipais para o exercicio 2026 que permitan “garantir unha planificación económica seria, realista e acorde ás necesidades do municipio”.
O Grupo Municipal Popular cre que a xestión económica require “responsabilidade política e rigor para o cumprimento exhaustivo dos prazos legais”; así coma “respecto aos principios de transparencia e control democrático”. Pola contra, “o descontrol na xestión económica, a improvisación e a falta de planificación por parte do bipartito leva ao Concello a recorrer a prórrogas orzamentarias, contratos menores desorbitados ou decretos de Alcaldía sen rigor” que derivan en “políticas públicas ineficaces”.
PREGUNTAS
Os concelleiros do Partido Popular advirten do excesivo número de reparos suspensivos de Intervención que levantou a alcaldesa durante o 2025; de contratos menores correspondentes a servizos repetitivos e previsibles que, polo tanto, requirirían doutro procedemento; da aprobación reiterada de facturas con reparos de Intervención e das constantes modificacións de créditos.
Así esixirán explicacións ao goberno de PSOE e Vilalba Aberta sobre a xestión económica do Concello. E tamén sobre a falta de políticas para a dinamización económica do municipio. Fundamentalmente pola falta de apoio ao comercio local e de dinamización do polígono e da actividade industrial no municipio.