O PP de Vilalba reclama previsión ao goberno local ante a incerteza sobre as prazas no PAI

TerraChaXa
Os concelleiros do PP critican a “falta de previsión e a ausencia de medidas efectivas por parte do goberno municipal"
PP Vilalba
23 Mar 2025

O Partido Popular de Vilalba vén de esixir ao goberno local maior previsión e planificación respecto á dispoñibilidade de prazas no Punto de Atención á Infancia (PAI), co obxectivo de garantir unha resposta axeitada á demanda real das familias vilalbesas e asegurar unha xestión eficiente deste servizo destinado a nenos e nenas menores de tres anos.

Dende o grupo popular amósase preocupación pola situación de incerteza á que se enfrontan as familias que solicitan praza para os seus fillos e fillas na escola infantil Galiña Azul e na escoliña municipal. “Aquelas que queden sen praza poderían optar ao PAI, pero este aínda está en obras, polo que terían que agardar ao seu remate para saber se finalmente poderán acceder a unha praza ou non”, denuncian os populares.

“Sabemos que unha familia non pode esperar ata setembro para saber se se lle vai conceder esa praza, polo que, de novo, veranse obrigadas a buscar solucións alternativas”, engaden.

Neste sentido, os concelleiros do PP critican a “falta de previsión e a ausencia de medidas efectivas por parte do goberno municipal, formado por PSOE-Vilalba Aberta co apoio do BNG”, ao considerar que esta situación dificulta a conciliación da vida familiar e laboral de moitas familias vilalbesas. “Trátase dun problema grave que compromete o acceso a un servizo fundamental para o benestar da infancia e o apoio ás familias traballadoras”, aseguran.

Proposta de acordo no pleno

Co obxectivo de mellorar esta situación, o Grupo Municipal Popular presentará no vindeiro pleno unha proposta de acordo para que o Concello permita realizar canto antes as inscricións no PAI. Desta forma, as familias poderían coñecer con antelación se dispoñen dunha praza, evitando así ter que buscar alternativas fóra do municipio por falta de información ou prazas dispoñibles.

O PP agarda contar co apoio de tódolos grupos da corporación para sacar adiante esta iniciativa que consideran “urxente e necesaria para garantir a igualdade de oportunidades no acceso ao servizo de atención á infancia”.

⚙ Configurar cookies
0.67656302452087