O PP de Vilalba reclama que a alcaldesa impide levar a votación as súas iniciativas
O PP de Vilalba volve denunciar a “actitude ditatorial” da alcaldesa e a “permisividade” do goberno bipartito tras converter, unha vez máis, unha iniciativa do Grupo Municipal Popular nun rogo: “a alcaldesa continúa preferindo agocharse e non manifestarse claramente a favor ou en contra das propostas que elevamos ao pleno da Corporación sobre asuntos que afectan directamente aos veciños e veciñas de Vilalba”. Así mesmo, a portavoz, Sandra López, incide tamén en que “os seus socios de goberno agora quedan mudos” cando “no anterior mandato dende a oposición definían esa decisión como “un atropelo democrático sen precedentes na historia do Concello de Vilalba”.
“O goberno bipartito insiste en tratar de silenciar á oposición ao mesmo tempo que demostra o pouco que lles interesan os vilalbeses e vilalbesas”, subliña a popular.
Os concelleiros do Partido Popular continuarán a propoñer iniciativas que consideren de interese para o municipio e os vilalbeses e a trasladar propostas dos propios veciños e veciñas. Así o fan a través das preguntas que dirixen en cada pleno aos membros do equipo de goberno “porque os vilalbeses merecemos respostas”. Nesta ocasión esixen explicacións sobre a limpeza e servizos en instalacións municipais, a renovación de contratos caducados, a programación de cultura e ocio para este verán, a regularización das terrazas, a RPT, o PXOM, o servizo de vao ou os anuncios sobre as obras na Casa do Concello ou o cambio de sentido da rúa da Pravia.
AS PREGUNTAS, EN DETALLE
Ás portas do verán, os populares piden explicacións sobre a organización dos campamentos infantís e as actividades denominadas Vilaescolas, así coma a previsión do bipartito para regularizar a ordenanza de terrazas para permitir aos hostaleiros o seu arranxo. E a tres mes das patronais, queren saber “en que punto se atopa a súa organización”. Igualmente, diríxense ao goberno municipal para saber “se continuará incumprindo as súas obrigas en materia de prevención de incendios” e “se renunciará ao financiamento de dúas brigadas por parte da Xunta”.
Sobre a xestión de espazos públicos municipais, preguntarán sobre a planificación do Concello no cemiterio municipal sen limpar dende finais de xaneiro; a instalacións de desfibriladores en edificios públicos, colexio e instalacións deportivas; ou as medidas que pensan adoptar ante a empresa adxudicataria do servizo de conserxería e limpeza por non facer o seu traballo “xerando continuos problemas e numerosas queixas por parte dos usuarios e usuarias”. Outro asunto que xera malestar entre os veciños e veciñas é a falta dunha garantía da prestación do servizo de vao as 24 horas.
Os concelleiros do PP tamén seguen de preto os anuncios incumpridos: o estudo de mobilidade para cambiar o sentido da circulación na rúa da Pravia, a renovación do contrato do lixo, o programa ‘Bica e arrinca’, a publicación dos prezos das piscinas exteriores ou a prórroga para a obra de arranxo da Casa do Concello. Así mesmo, os populares preguntarán se houbo avances de cara á aprobación da RPT e na elaboración do PXOM ou “se seguen no mesmo estado”.