O PP de Vilalba reuniuse con asociacións de mulleres
A xestora do PP de Vilalba reuniuse con representantes de asociacións de mulleres do Concello dando continuidade ás xuntanzas con distintos colectivos e sectores económicos do municipio.
O encontro serviu para ofrecer información sobre axudas e outros apoios da Xunta dirixidos ás mulleres e, en especial, a aquelas en situación de vulnerabilidade. Xunto á presidenta da xestora, Sandra Vázquez, participaron tamén a concelleira Agustina Fernández, Susana López Abella, secretaria xeral de Igualdade e outras integrantes da xestora local.
Vázquez, que agradeceu a participación de López Abella e loou o traballo que realizan as asociacións ao longo de todo o ano, explicou que “foi unha reunión moi produtiva porque coñecemos de primeira man os asuntos de maior interese para os colectivos do noso municipio e tamén serviu para dar resposta a distintas preguntas sobre as axudas da Xunta que lles poden resultar útiles ás asociacións”.
Ademais das liñas de axudas ao tecido asociativo e outras para o desenvolvemento de programas específicos e recursos integrais de atención especializada a mulleres en situación de vulnerabilidade, a secretaría xeral de Igualdade tamén impulsa axudas para fomentar a corresponsabilidade no ámbito doméstico e sobre o coidado dos fillos. Neste caso, a Xunta convoca axudas para impulsar a conciliación da vida familiar e laboral ao permitir a redución de xornada para coidar aos seus fillos e fillas menores de 3 anos.
Emprendemento feminino
A xuntanza serviu tamén para poñer en valor o autoemprego feminino e, nese sentido, López Abella lembrou a posta en marcha de distintos programas da Xunta dirixidos á inserción laboral das mulleres. Concretamente, segundo explicou Vázquez, “varias vilalbesas se viron xa beneficiadas do programa Emega da Xunta de Galicia, un programa de emprendemento feminino dividido en catro liñas diferentes -dirixidas á posta en marcha de novas empresas, á promoción de melloras, á reactivación e consolidación de proxectos empresariais ou á posta en marcha de iniciativas empresariais de base tecnolóxica-, e que inclúe outras axudas complementarias”. Este ano a Xunta aumentará o seu orzamento co obxectivo de dar resposta a máis iniciativas promovidas por mulleres de cara á xeración de máis postos de traballo feminino.
CIM
Outro dos asuntos abordados neste reunión foi a “bo funcionamento” do Centro de Información á Muller (CIM) de Vilalba en materia de asesoramento ás mulleres, prevención e sensibilización sobre a violencia de xénero e de atención a vítimas. A Xunta de Galicia dirixiu no ano 2020 máis de 25.000 euros para financiar o seu funcionamento. Vilalba tamén recibiu axudas para a conciliación, promoción da igualdade e prevención da violencia de xénero por valor de 5.000 euros e outros apoios para distintos colectivos vilalbeses.