O PP de Vilalba solicita acceso aos proxectos de varias obras
A voceira e candidata do PP á alcaldía de Vilalba, Sandra Vázquez, está a seguir de preto a xestión do goberno local. Así, ante “certas dúbidas” sobre os proxectos presentados polo goberno local socialista en relación a algunhas obras executadas ou que se están a executar con altos investimentos, vén de solicitar acceso á información deses expedientes para “coñecer os seus detalles” e facendo exercicio do seu deber de “velar polos intereses dos vilalbeses”.
Trátase das obras do novo parque acuático, a reforma da Casa do Concello, a Travesía dos Castros e a rúa da Pravia. Concretamente, a popular quere coñecer o expediente do proxecto do novo parque acuático na área recreativa da Madalena; o expediente do proxecto na casa consistorial de Vilalba para convertelo nun edificio sostible e accesible; o expediente de modificación do proxecto da Travesía dos Castros e as certificacións finais de obra; o expediente do proxecto de humanización e renovación integral da Rúa da Pravia, e o informe emitido por intervención (nº 2022-0026/AC/2022/27) en data 29 de outubro do 2022, sobre reparos en relación ao proxecto da Travesía dos Castros.
O Partido Popular esíxelle transparencia ao goberno local. Así mesmo, Vázquez defende que “as obras se deben executar de forma eficiente, atendendo á legalidade e de forma que o resultado sexa seguro para os veciños e veciñas”.