O PP de Vilalba solicita orzamento para as instalacións deportivas do rural
O Partido Popular de Vilalba solicita ao Concello axudas para o acondicionamento das instalacións deportivas do rural. Os populares piden así dotar unha partida concreta nos Orzamentos de 2022 para cometer as melloras tan necesarias que precisan estes centros tan demandados, pois este municipio conta cunha gran implicación deportiva nos diferentes ámbitos.
Proba delo, explica na moción que asina a voceira do Grupo Municipal Popular, Sandra Vázquez, que a Asociación Galega de Xestores Deportivos concedeulle, dentro da sétima edición dos Premios Galicia á xestión deportiva, o galardón ao mellor concello de menos de 15.000 habitantes pola súa variada oferta de actividades e ao alcance social que se alcanza coa súa celebración.
“Consideramos de extraordinaria importancia que estas instalacións estean en bo estado. As da zona urbana son importantes, pero as que temos nas distintas parroquias non o son menos. Son ademais, destaca Sandra Vázquez, espazos que empregan os distintos equipos que temos e que ben merecen estar en boas condicións. E isto, subraia, é responsabilidade directa do goberno do Concello”.
En materia de infraestruturas, os populares tamén se dirixen á entidade local, co fin de que habilite as entradas de acceso ao novo aparcadoiro na rúa das Pedreiras e evitar desprazamentos innecesarios para acceder ao mesmo. O aparcadoiro foi inaugurado recentemente, pero o que “non é de recibo é o labirinto que hai que facer para entrar nel”. A este respecto, o Grupo Municipal do PP considera que o goberno local debe iniciar xa os trámites para construír estes accesos.
Emprendemento e heráldica
O estado do informe de adhesión ao convenio Concello Doing Business centra tamén o interese da formación popular; de aí que no pleno deste xoves se interesen sobre as previsións do PSOE para materializar este convenio e “apostar así polo emprendemento e a creación de emprego”.
“Trátase, en definitiva, de impulsar políticas de actuación que redunden na reactivación económica do municipio. Nesta tarefa o turismo tamén é un elemento clave. Por iso, pediremos á rexedora socialista que concrete as medidas ou iniciativas que pechou durante a súa participación na Feira Internacional FITUR”, relata a voceira do PP.
Outros dos elementos que chama a atención é a eliminación do escudo oficial do Concello que fora aprobado en 1985 e de impor, pola contra, a Torre dos Andrade, propiedade de patrimonio histórico de España, nos documentos públicos institucionais, na páxina web e nas Redes Sociais. “Queremos saber tamén cal é o motivo de cambiar a cor institucional oficial pola cor vermella e a canto ascende o custe de dito cambio”, remarca Sandra Vázquez.