O PP de Vilalba tilda de “decepcionante” os dous anos de mandato do goberno socialista

TerraChaXa
O Partido Popular de Vilalba define como “decepción” os dous primeiros anos de mandato do goberno socialista.
pp vilalba reunion valoracion 2 anos
16 Xul 2021

O PP considera que o actual goberno local socialista é “opaco, autoritario, ineficaz e non ten proxecto de futuro para Vilalba"

O Grupo Municipal do Partido Popular de Vilalba define como “decepción” os dous primeiros anos de mandato do goberno socialista. “É o  goberno máis opaco e autoritario da historia de Vilalba e leva camiño de converterse no goberno máis ineficaz”. Ademais, “non ten un proxecto de futuro ningún para o noso municipio. O PSOE está deseñado para estar na oposición, pero non para gobernar”. Así o manifestou o portavoz, Agustín Baamonde, en rolda de prensa na que tamén participou a concelleira e presidenta da xestora, Sandra Vázquez, e o concelleiro popular Amador Guerra.

Os populares explicaron que se trata dunha decepción porque “non cumpre ningún dos propósitos cos que se presentaban: un eixo baseado nun goberno de esquerdas como alternativa aos 40 anos de goberno do PP e, como outro eixo, o dun goberno baseado nos principios de transparencia, consenso e eficacia”.

Sinalaron dende o Grupo Municipal do PP que sobre o primeiro eixo “o que fixo foi laminar o pacto de goberno de esquerdas de forma unilateral deixando claro que non conta con Vilalba Aberta nin os precisa para gobernar” e, sobre o segundo, “están a demostrar a falta de transparencia e de capacidade de diálogo tanto coa oposición coma cos veciños”; ademais de “non ser capaces de cumprir as súas propias promesas electorais”.

A este respecto, Baamonde explicou que “demostran a falta de transparencia e consenso co desprezo institucional absoluto aos órganos de goberno como son o pleno e as comisións nas que se delegan competencias”, segundo expuxo Baamonde. “Os plenos están baleiros de contido porque o goberno non executa os acordos plenarios. É dicir, os acordos non serven para nada”. Neste caso, “o exemplo máis palmario é o plan de axuda á hostalería aprobado en xaneiro e incluso varias veces despois, pero que aínda en xullo segue sen ver a luz”. O voceiro criticou que “a alcaldesa tampouco reúne as comisións, excepto a de urbanismo de forma puntual”.

Baamonde condena, polo tanto, “a tendencia xa instaurada de gobernar unilateralmente e por decreto”. De feito, o popular explica que “nos temas importantes para Vilalba, a alcaldesa retira as competencias ao pleno ou á xunta de goberno e resólveos por decreto agochando a información aos membros da corporación e á opinión pública”. É o caso do servizo de limpeza dos colexios e edificios públicos, o contrato da recollida do lixo ou o plan de mobilidade e a situación da rúa da Pravia. “A alcaldesa está a empregar este mecanismo para non dar explicacións do que fai a ninguén”.

Opacidade na contratación

“Os reparos de legalidade por parte de intervención -continuou o voceiro do PP no consistorio- constitúen outro exemplo de opacidade. Este goberno está superando a cifra de contratos menores e a fragmentación de contratos que foran, precisamente, os motivos polos que denunciaran a un alcalde do PP que vén de ser absolto recentemente”.

Os populares indicaron que “a regra de conduta do actual goberno cos contratos que rematen é a de non sacar a licitación os contratos que rematan, nin prorrogalos”. É o caso do contrato de limpeza dos centros escolares e do servizo de recollida do lixo que se atopan en situación de alegalidade”.

Ineficacia e incapacidade de xestión: sen presuposto e sen cumprir promesas electorais

Baamonde subliñou “dúas eivas importantes deste goberno: a carencia de presuposto e a incapacidade para cumprir as promesas electorais”. Por unha banda, están a gobernar co presuposto prorrogado que fora aprobado polo goberno do PP co voto en contra do grupo socialista. “Chegan coa idea de cortar as políticas do PP, pero co presuposto aprobado por nós”, criticou. E, tampouco serve a escusa de que non teñen maioría porque “foron eles os que romperon o pacto de goberno”.

“Non cumpriron ningunha das promesas electorais: nin o servizo Madrugadores, nin a dotación de locais para asociacións e clubs deportivos, nin canceira, nin avances sobre o centro de día ou a depuradora nin levaron a cabo actuacións na piscina e o parque acuático leva tres veráns pechado”.

Infraestruturas, dotación de servizos e encardinación do rural

Sobre temas importantes para Vilalba, os populares lamentan “a falta de proxectos” porque, “a pesar de que en dous anos non se poden materializar, si se poden comezar a deseñar e desenvolver”. Polo tanto, auguran “un futuro negro para Vilalba da man do PSOE”.

En materia de infraestruturas sinalaron a necesidade de avanzar no PXOM que teñen paralizado dende fai dous anos: “dende o 20 de agosto de 2019 teñen enriba da mesa a documentación para a súa adaptación á lei do solo. A ampliación do polígono industrial leva tamén dous anos paralizada. O que está feito é o que deixou feito o anterior goberno, pero nada se sabe da dotación de 300.000 metros cadrados que estabamos tramitando no anterior mandato”.

“O rural é fundamental para Vilalba. A vila depende da capacidade para interactuar coas parroquias”, manifestou o portavoz. “Nada se sabe de actuacións deste goberno no rural do municipio. Mantense o SAF que xa deixamos en marcha e sobre o aglomerado que tanto reclamaban para as pistas nada se sabe máis alá de tapar algún burato con caldeiros de aglomerado. En dous anos o goberno anterior tiña feitos 40 km e invertido 2 millóns de euros nas pistas do rural e o actual, nin a metade. Tampouco se sabe nada o plan de dinamización do rural que require servizos de comunicacións e de acceso á internet para asentar poboación. Incluso renunciaron á posibilidade de captar fondos europeos dirixidos a este fin”.

Carencia de servizos e deixadez de funcións

“O Concello carece de persoal e o goberno local non avanzou na RPT, senón que recorre á externalización de servizos para o inventario de camiños, o do museo ou para o plan de mobilidade que, por outra parte, a alcaldesa recoñeceu que non existe porque non foi aprobado; pero, en cambio, emprégao para xustificar as súas decisións sobre a rúa da Pravia”.

“O servizo municipal de recollida do lixo ten o contrato caducado dende o 1 de outubro do 2020 sen perspectiva de nova licitación e o servizo de limpeza de centros educativos e edificios públicos municipais foi encomendado a Tragsa”. Os populares consideran “gravísimo” este feito porque supón “derivar noutra administración a prestación dun servizo público municipal pola incompetencia na xestión do actual goberno”. A este respecto, os populares consideran que “se vai derivar todo a Tragsa, sería mellor quitar directamente a alcaldesa. Entenderíase que no momento de coñecer os impagos da empresa adxudicataria ás traballadoras se tomara esa decisión de forma excepcional, pero agora teñen o verán por diante para sacar o servizo a licitación antes do comezo do curso”. Baamonde cre, polo tanto, que se trata doutro exemplo de “deixadez de funcións”.

En xeral, “as cousas non van mellor”. Un dos exemplos son as recentes protestas dos comerciantes do casco vello e da rúa da Pravia que se deben á falta de diálogo, á forma de proceder da alcaldesa”, matizaron.

0.17665100097656