O PP de Vilalba urxe a elaboración dos orzamentos para o 2022
O Grupo Municipal Popular de Vilalba urxe ao equipo de goberno a “elaborar un anteproxecto de presuposto municipal para o 2022”. A través dunha iniciativa que defenderán no vindeiro pleno, os populares piden ao goberno local “que convoque a tódolos grupos municipais á Comisión de Economía e Facenda, co fin de chegar a un acordo orzamentario e dar resposta inmediata as necesidades reais dos nosos veciños”.
A voceira, Sandra Vázquez, condena que “Vilalba non dispoña duns presupostos municipais adaptados ás necesidades reais dos veciños nestes tempos excepcionais que estamos a vivir e dos que somos conscientes. O goberno local demostra unha total falta de xestión”.
A popular sinala que “o presuposto municipal é un documento que reflexa o proxecto de goberno para o desenvolvemento dunha vila. Sen embargo; o PSOE non foi capaz de presentar ningunha proposta dende que goberna, a pesar de que a señora. alcaldesa e o concelleiro de Facenda teñen manifestado publicamente da necesidade da elaboración das contas para o noso concello”.
Non é a primeira vez que os populares levan este asunto ao pleno. Incluso se teñen ofrecido a estudar un anteproxecto e negociar a aprobación das contas. Tendo en conta que se trata dun goberno en minoría, tralo ruptura unilateral do pacto de goberno, “a aprobación das contas municipais pasa indiscutiblemente polo diálogo político”, indican.
“Os orzamentos municipais constitúen un documento básico para xestionar o Concello”, sinala Vázquez. “Ao non dispoñer duns presupostos municipais, resulta moi complicado avanzar en temas importantes para Vilalba aos que os socialistas aínda non deron resposta como é o caso da aprobación da RPT, a elaboración do PXOM, a licitación do contrato de recollida do lixo e limpeza viaria ou a ampliación do polígono industrial”, subliña.
PXOM e contrato do lixo
Os populares instarán tamén ao goberno local no vindeiro pleno a “axilizar os trámites para a aprobación do Plan Xeral de Ordenación Municipal e, en consecuencia, os núcleos rurais xa que dende o 2019 o equipo de goberno non deu ningún paso de avance. Somos conscientes da súa complexidade, pero tamén da súa necesidade para o avance económico, social e urbanístico da vila”.
Igualmente, o Grupo Municipal Popular urxe a licitar na maior brevidade o contrato de recollida do lixo e limpeza viaria “para evitar que moitas rúas, coma a rúa Cotarón, Plácido Peña ou a rúa da Feira pasen varios días sen limpar”.
Polígono industrial
Os populares xa se teñen posicionado en numerosas ocasións a favor da ampliación do polígono industrial Sete Pontes. De feito, o anterior goberno municipal presidido polo PP tiña avanzado nos trámites relacionados coa modificación puntual das normas subsidiarias. “A ampliación do solo industrial é unha prioridade para Vilalba e para o Partido Popular vilalbés”, manifesta Vázquez define o polígono como “pulmón económico” que, ademais, “contribúe á creación de emprego, a dinamizar a actividade comercial e a asentar poboación”.
“O goberno local anunciou en xullo do ano pasado a poxa das parcelas que lle corresponden ao Concello polo plan parcial de Entrepinares. Tendo en conta que ata agora non vemos ningún paso, esiximos ao equipo de goberno explicacións sobre os avances administrativos e as súas xestións ao respecto. Tamén cremos necesarios coñecer os plans do equipo de goberno para dotar a Vilalba de máis solo industrial porque é determinante para o noso futuro”. Igualmente, insisten na necesidade de “manter limpo o polígono industrial e conservar as súas instalacións”.
E de cara ao asentamento de empresas en Vilalba, o Grupo Municipal Popular levou en numerosas ocasións ao pleno distintas iniciativas – solicitaron informes o pasado mes de xaneiro- en relación á adhesión do Concello ao convenio Concellos Emprendedores Doing Business. “Esta iniciativa da Xunta e da Fegamp permite captar investimentos grazas a incentivos fiscais, a simplificación dos trámites administrativos e facilita o acceso a solo industrial a empresas interesadas. Por agora, o goberno local tampouco amosou a súa implicación neste sentido”.