O PP de Vilalba urxe a licitación do contrato da recollida de lixo
O Grupo Municipal Popular de Vilalba urxe ao goberno local a sacar a licitación o contrato de recollida do lixo e limpeza viaria “que atenda as necesidades da vila e das parroquias e, polo tanto, ofreza un bo servizo aos vilalbeses”. Os populares volven esixir “pasos firmes” nese sentido ante “a incomodidade que xera aos veciños o deficiente servizo”. De feito, “son moitas as queixas que nos trasladan pola falta de recollida e a acumulación de lixo: algúns contedores botan días cheos e nalgúns lugares non se realiza a recollida durante semanas”, expón a voceira, Sandra Vázquez.
A popular explica que “está a piques de cumprir dous anos caducado sen que o goberno local socialista fixera nada por sacalo a licitación. É máis, a alcaldesa comprometérase no pleno de setembro do 2020 a sacar a licitación o novo contrato nese mesmo ano, pero seguimos sen saber nada a pesar das reiteradas ocasións nas que solicitamos información sobre o procedemento que permita a prestación do servizo dende a legalidade administrativa”.
O Grupo Municipal esixe, polo tanto, unha solución efectiva a un problema relacionado cos servizos aos veciños e, ao mesmo tempo, a correcta xestión dende o punto de vista administrativo.
Os populares xa advertiron en abril de que “algunhas rúas, coma a rúa Cotarón, Plácido Peña ou a rúa da Feira pasaban varios días sen limpar”. Agora, “os veciños trasladáronnos as súas queixas sobre as importantes deficiencias no servizo de recollida de lixo nas diferentes parroquias coma Alba, Codesido, Oleiros, Román, Goiriz, Árbol ou Ínsua”. E apuntan que “durante este verán a imaxe da vila era lamentable debido ao abandono por parte do goberno local socialista. É inadmisible a falta de limpeza, eliminación da maleza e mantemento das rúas e espazos municipais”.
Promesas incumpridas
Vázquez condena “as promesas incumpridas e total falta de xestión por parte do PSOE” tendo en conta que o goberno local tamén se comprometera a elaborar os orzamentos municipais nos pasados exercicios, pero nin sequera presentaron ningún borrador nos tres anos que levan á fronte do Concello”.