O PP de Vilalba urxe ao Goberno local a actuar na mellora de pistas

TerraChaXa
O Partido Popular de Vilalba urxe ao goberno local a programar varias actuacións de mellora nas pistas municipais
pistas vilalba
20 Xuño 2022

A voceira do Grupo Municipal Popular, Sandra Vázquez, urxe ao goberno local vilalbés a programar canto antes actuacións de mellora nas pistas municipais ante o seu mal estado. “Nesta época do ano, tiñan que estar xa en marcha as obras de mellora do pavimento aproveitando o bo tempo porque este tipo de actuacións débense realizar en condicións climatolóxicas favorables. Este é un exemplo máis da falta de previsión e xestión por parte deste goberno socialista”.

Os populares teñen xa advertido do mal estado da rede viaria en numerosas ocasións. No pleno celebrado a finais do mes de xaneiro, o Grupo Municipal Popular defendeu unha iniciativa dirixida a planificar a reparación e o mantemento das pistas que contou co voto en contra do grupo socialista. Ante a súa falta de actuación ao respecto, os populares volveron manifestar durante a sesión plenaria da corporación a necesidade de acometer traballos de mellora nas estradas; pero “fixéronnos caso omiso. Se tomaran nota e se puxeran a traballar, agora podíanse estar a facer esas labores”.

O Grupo Municipal Popular volveu reiterar no último pleno a súa petición para que “o Concello arranxe de maneira urxente as diferentes pistas das parroquias que se atopan nun estado lamentable”. Despois de que o señor Fernández teña anunciado un millón de euros para o rural, urxen ao goberno local “a poñer canto antes ese orzamento a disposición da mellora das pistas”.

Planificación fronte á falta de previsión do goberno socialista

Tendo en conta a extensión da rede viaria municipal, Vázquez entende que se debe elaborar un plan para determinar prioridades á hora de actuar nas estradas. “Sería moi importante ir actuando de forma progresiva e sen esquecer traballos de mantemento coma o bacheo en puntos onde o firme comece a deteriorarse. Isto  evitaría que a situación se agravase e, polo tanto, ter que realizar unha intervención maior: hai que actuar cando comeza a poñerse mal, para evitar que vaian a peor”.

A popular condena, polo tanto, “a ineficacia e falta de previsión que xa é habitual con este goberno socialista -acumula contratos caducados, perde subvencións doutras administracións, deixa aspectos da organización do FIV para o último día...-”.

0.10492300987244