O PP de Vilalba urxe ao goberno local a avanzar na ampliación do polígono industrial
O PP vilalbés propón iniciar o expediente de venda das parcelas do Plan de Sectorización de Entrepinares, rematar o expediente de ampliación do polígono e realizar as xestións necesarias para adherirse ao programa Concello Doing Business.
O Grupo Municipal Popular de Vilalba defenderá no vindeiro pleno da corporación municipal unha iniciativa dirixida a “impulsar” o polígono industrial. A proposta xorde tras manter unha reunión con representantes da Asociación de Empresarios Sete Pontes na que lle trasladaron aos populares distintas reivindicacións en relación a esta área industrial. Así, os populares defenden a ampliación da área industrial, a adhesión a programas que incentiven a implantación empresarial e apoio do goberno local para manter limpo o entorno de forma que se garantan os servizos, a seguridade viaria e se transmita unha imaxe coidada.
A voceira, Sandra Vázquez, explica que “apostamos por favorecer o asentamento de novas empresas, a ampliación das existentes que permitirían crear postos de traballo e dinamizar a actividade económica local contribuíndo, á súa vez, ao asentamento de poboación”.
O Grupo Municipal Popular instará ao goberno local, por unha banda, a iniciar o expediente de venda das parcelas de titularidade municipal correspondentes ao Plan de Sectorización de Entrepinares “anunciado en dúas ocasións polo goberno local no último ano – o 5 de xullo do 2021 e o 18 de marzo de 2022-, sen que viramos que se chegara a facer realidade”. Igualmente, os populares advirten que “non se produciu ningún avance en relación á ampliación do polígono nos últimos tres anos, só pequenos anuncios”. Despois de preguntar en varias sesións plenarias, os populares volverán instar ao goberno local a “rematar o expediente para a ampliación do polígono, no que o anterior goberno estaba traballando sendo consciente da necesidade da ampliación do solo industrial”.
Así mesmo, de cara ao implantación de actividade empresarial, instan ao goberno local a realizar as xestións necesarias para que Vilalba se adhira ao programa ‘Concello Doing Business’ que contempla distintos tipos de incentivos.
Tralas reivindicacións da Asociación de Empresarios Sete Pontes, os populares volverán a reiterar na sesión plenaria a necesidade de desenvolver un plan de sinalización viaria para o polígono industrial que contemple as marcas viarias na calzada como as sinais verticais para unha mellor visualización e evitar posibles accidentes. E, do mesmo xeito, como teñen reclamado ao longo deste mandato: levar a cabo a “limpeza das beirarrúas, o bacheo nas vías de comunicación, o desbroce nas zonas que se encontran en pésimo estado e a limpeza da rede de sumidoiros”.