O PP de Vilalba urxe ao goberno local o pago das axudas ás comisións de festas

TerraChaXa
O Grupo Municipal Popular de Vilalba denuncia unha vez máis “a falta de xestión por parte do goberno local socialista” ao que lle urxe “pagar as axudas do Concello correspondentes ao ano 2022 ás comisións de festas encargadas de organizar as festas patronais”.
10 Xan 2023

O Grupo Municipal Popular de Vilalba denuncia unha vez máis “a falta de xestión por parte do goberno local socialista” ao que lle urxe “pagar as axudas do Concello correspondentes ao ano 2022 ás comisións de festas encargadas de organizar as festas patronais”.

“Estamos a 9 de xaneiro e as comisións aínda non recibiron a axuda correspondente”. É por iso polo que “dende o PP reclamamos que se realicen os pagos cantos antes, xa que os gastos realizados no 2022 deberían estar máis que actualizados”, sinala a voceira, Sandra Vázquez.

A popular sinala que “esta situación leva a moitas comisións de festas a asumir persoalmente os gastos porque o goberno socialista aínda non realizou os pagos das subvencións nominativas das festas patronais do 2022, cando en breve comezarán xa as festas do 2023”.

Os populares xa advertiran que “as axudas nominativas se estaban tramitando moi tarde” e que, polo tanto, supoñía que “as asociacións, entidades e colectivos quedaban nunha situación moi delicada que dificulta a organización das súas actividades”. Aínda así, “o goberno socialista fixo caso omiso. Parece que non lle importa a situación das asociacións nin as dificultades ás que se teñen que enfrontar os vilalbeses e vilalbesas”.

Vázquez considera que “estamos ante un goberno ineficaz” poñendo como exemplo “o acontecido o pasado sábado cando se tivo que suspender un partido de fútbol sala debido ás goteiras no pavillón municipal porque o goberno socialista é incapaz de resolver os problemas dos veciños e, máis concretamente, de manter en condicións axeitadas as instalacións municipais. O PSOE está máis preocupado polos caprichos socialistas que polas necesidades de Vilalba e os vilalbeses”.

0.17966508865356