O PP de Vilalba urxe un convenio de colaboración dos empresarios
O Partido Popular de Vilalba urxe ao goberno local a asinar o convenio de colaboración coa asociación de empresarios para a dinamización do comercio, tal e como fora acordado no pleno de xullo do ano pasado a iniciativa do Grupo Municipal do PP.
Así o manifestan os populares tras manter unha reunión coa representante do comercio na Asociación de Empresarios Sete Pontes, Antía Naveiras, dando inicio ás reunións anunciadas pola xestora do PP local entre os dos grupos de traballo e os representantes dos distintos sectores e colectivos do municipio. Á xuntanza asistiron a presidenta da xestora e concelleira, Sandra Vázquez; o voceiro do Grupo Municipal Popular, Agustín Baamonde; e o concelleiro Amador Guerra; xunto ao empresario e membro da xestora José Manuel Seoane “Carboeira”.
Os populares quixeron coñecer de primeira man as inquedanzas do sector comercial vilalbés no contexto actual profundamente marcado pola crise derivada da pandemia da covid-19. Así mesmo, repasaron a acollida que están a ter os Bonos Activa Comercio que puxo en marcha a Xunta para fomentar o consumo e informaron da convocatoria de axudas á dixitalización e modernización do sector comercial e artesanal por parte do Goberno galego a través da Consellería de Economía, Empresa e Innovación, “outra iniciativa da Xunta en apoio ao sector comercial”.
“Fronte á implicación do Goberno galego cun sector económico de relevancia no noso municipio, temos que lamentar a tardanza do goberno local para dar resposta aos temas nos que se ten interesado o colectivo empresarial”, sinalou Sandra Vázquez en referencia á paralización da sinatura do convenio de colaboración. “Este foi un dos temas sobre os que os comerciantes nos trasladaron as súas inquietudes” e, nese sentido, os populares agardan a colaboración do goberno municipal coa asociación de empresarios que xa lle remitiu en xaneiro unha proposta de cara á súa sinatura. Vázquez convida aos responsables do goberno local “a manter contacto directo co colectivo para sacar adiante canto antes este convenio e calquera outra iniciativa de dinamización económica”.
A proposta do PP recollía, ante as consecuencias da crise da covid-19 no tecido produtivo municipal, a sinatura dun convenio de colaboración plurianual e o compromiso para a realización de actividades de dinamización e fomento do pequeno comercio e da hostalería local, promoción turística, talleres de formación, apoio á transformación dixital e a outras actividades esencias para a asociación. Así mesmo, os populares propuxeran unha achega de 100.000 euros anuais, pero este punto fora rexeitado polo equipo de goberno.