O PP de Vilalba ve innecesario o investimento no campo da feira mentres haxa problemas de abastecemento de auga

TerraChaXa
Os populares lembran que nos últimos 15 días producíronse varias roturas na rede da rúa Cidade de Viveiro
sandra lopez pp vilalba
8 Mar 2026

O PP de Vilalba denuncia “unha nova obra carente de sentido” tras coñecer como a alcaldesa, Marta Rouco, xunto á presidenta da Deputación, Carmela López, anunciaron un investimento duns 230.000 euros para unha actuación que“non responde ás prioridades da cidadanía”.

Desde o PP de Vilalba consideran que existen necesidades moito máis urxentes ás que o goberno local segue sen dar resposta. Un exemplo evidente é a situación da rede de abastecemento e saneamento na rúa Cidade de Viveiro, onde nas últimas dúas semanas se produciron varias roturas que provocaron cortes e numerosas molestias aos veciños da zona.

Os populares lembran que a renovación desta infraestrutura foi reclamada polo seu grupo dando traslado as peticións feitas polos veciños e veciñas da zona, advertindo do deterioro da rede e da necesidade de actuar con urxencia para evitar os problemas que precisamente se están a producir agora.

Ademais, dende o PP de Vilalba sinalan que a actuación anunciada polo goberno local provocará a perda de prazas de aparcamento nun municipio no que xa é especialmente complicado estacionar, unha circunstancia que está a xerar un importante malestar entre moitos veciños.

Para os populares, este novo anuncio evidencia que o goberno local encabezado, por Marta Rouco, vive cada vez máis afastado das necesidades reais da veciñanza, tomando decisións por impulso ou por conveniencia política, en lugar de establecer prioridades claras e atender as demandas máis urxentes do municipio.

Nesta liña, os populares lembran tamén actuacións recentes como o asfaltado de varias pistas e camiños “á carta” e executado de forma “lowcost”, nas que se priorizou a renovación de vías de titularidade municipal que dan servizo a cargos socialistas, como é o caso da parroquia de Mourence, mentres continúan sen atenderse camiños e pistas que utilizan a diario numerosos veciños para acceder ás súas vivendas, explotacións agrarias ou servizos básicos.

A realidade é que as decisións que está a tomar o equipo de goberno de Marta Rouco “están a acotar o espazo” para as feiras (tanto as mensuais como as semanais), xa que “cómpre recordar que as sacaron da Praza de Santa María, Coronel Pena e Praza de San Juan” e agora “esta obra que veñen de anunciar quita espazo, non só para o estacionamento dos feirantes, senón tamén para os veciños de Vilalba y dos municipios limítrofes que asisten á feira”.

No PP de Vilalba ven “con moita preocupación” como todas estas decisións están a provocar unha diminución no número de feirantes que acoden os días de feira polo que “se o goberno de Marta Rouco segue nesta liña moito nos tememos que estas feiras desaparezan do noso concello, a pesar de ser un dos nosos sinais de identidade”.

Desde o PP de Vilalba insisten en que o municipio precisa planificación, rigor e investimentos nas infraestruturas realmente necesarias, e non actuacións propagandísticas que non responden ás preocupacións da cidadanía.

0.13110494613647