O PP de Vilalba volverá preguntar no Pleno polo Pxom e o contrato do lixo
O Grupo do PP de Vilalba presentará este xoves no Pleno da Corporación Municipal unha serie de mocións e de preguntas sobre temas nos que vén insistindo dende hai tempo como o PXOM, o estado do Mupav ou o contrato da recollida de lixo.
Así pedirá que o Pleno inste á Deputación de Lugo á renovación das redes de sumidoiros da rúa Cidade de Viveiro correspondente á travesía urbana da estrada provincial Vilalba – A Balsa sendo o ente provincial o que financie totalmente estas obras.
A iniciativa que defenderán no vindeiro Pleno recolle, así mesmo, negociar coa Deputación de Lugo, como xa se ten feito con outras entidades públicas, a cesión ao Concello deste tramo da estrada sempre tendo en conta dúas alternativas: que primeiro a Deputación realice pola súa conta as obras necesarias para o arranxo da vía e dos servizos ou que a través dun convenio o Concello asuma a realización das obras financiadas integramente pola Deputación.
Os populares trasladan esta proposta ao Pleno facéndose eco das queixas dos veciños e veciñas desta rúa sobre a existencia de problemas debido a deficiencias nas redes de subministro e recollida de augas. “Parece lóxico tomar en consideración esta demanda dentro dos programas de renovación que é preciso desenvolver periodicamente”, manifestan. Nese sentido, defenden tamén que “a solución pasa por negociar coa Deputación que é a administración titular da vía”.
RECOLLIDA DE LIXO
Os populares lembran que na sesión plenaria correspondente ao mes de setembro de 2020 a señora alcaldesa se comprometera a sacar a licitación, antes de rematar o propio ano, a actualización do contrato para a adxudicación do servizo de recollida do lixo e limpeza viaria, que venceu o pasado día 1 de outubro.
“Pasados tres meses do prazo marcado e case seis dende o vencemento do anterior contrato, un espeso e case sospeitoso manto de silencio e ocultismo envolve todo o relacionado co novo contrato”, lamentan. E, para aclaralo, preguntan se están rematados os pregos para a adxudicación do contrato, a causa da dilación ou para cando ten previsto o goberno local iniciar o procedemento para a adxudicación do contrato. Así mesmo, cren conveniente coñecer se a concesionaria está prestando o servizo nas mesmas condicións previstas ao contrato de 1 de outubro do ano 2000 ou se foi aplicada algunha modificación nas prestacións.
Os populares fan fincapé na situación de alegalidade na prestación do servizo en vigor pola aplicación da doutrina da vía de feito, sen prórroga nin licitación e, polo tanto, queren coñecer se o goberno municipal é consciente desa situación. Recordan, así mesmo, que o PSOE levou no pasado a denunciar en sede xudicial ao anterior goberno do PP por unha situación similar.
En materia de infraestruturas, o Grupo Municipal do PP interésase por coñecer as actuacións que o goberno local ten decidido acometer con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental neste ano 2021.
Así mesmo, preguntarán en que ten pensado investir o importe do remanente de máis de 300.000 euros correspondente á entrada pola prórroga do servizo de auga e rede de sumidoiros da empresa Espina e Delfín conforme á recente resolución do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Nese sentido, os populares xa propuxeran acometer as obras da rede de sumidoiros dos barrios da Guadalupe e O Sisto, na parroquia de Sancovade, dando continuidade ás obras xa iniciadas polo anterior goberno do PP e agora preguntarán se o actual executivo local ten previsto acometelas e, de ser o caso, con que financiamento. Igualmente, os populares queren saber se o goberno local do PSOE ten previsto acometer as obras de abastecemento de auga nos barrios de Vilate, na parroquia de Lanzós, e de Bordelle, parroquia de Santaballa.
PLAN XERAL
O Grupo do PP de Vilalba manifesta “a total incapacidade e o abandono que demostra o goberno vilalbés á hora de elaborar os orzamentos municipais e o Plan Xeral de Ordenación Municipal”. Os populares acusan ao goberno local de “seguir unha liña curta de miras na que resulta imposible adiviñar o modelo de futuro para Vilalba” e poñen como exemplo “a ausencia de orzamentos, que son a ferramenta imprescindible para o desenvolvemento de calquera proxecto do Goberno, e a falta de, cando menos, as primeiras liñas de actuación en materia de urbanismo que é unha cuestión de urxencia para Vilalba sen que sirvan de escusa nin o tempo nin a covid-19”.
O Grupo Municipal do PP vilalbés, pola súa banda, reitera o seu ofrecemento para chegar a un acordo co obxectivo de sacar adiante os orzamentos municipais do 2021 porque “os intereses da cidadanía, máis nun momento coma este, están por riba de calquera dos intereses políticos partidistas”. Nese sentido, e ante as dificultades para sacar adiante os orzamento “trala ruptura unilateral do pacto de goberno”, instan ao goberno local a “deixar a un lado a soberbia de non querer negociar coa oposición”. Así, proporán no vindeiro Pleno que o executivo municipal elabore coa máxima urxencia un anteproxecto ou borrador de orzamentos e que convoque a tódolos grupos durante un período de negociación co fin de chegar a un acordo que facilite a súa posterior aprobación definitiva no Pleno.
Os populares manifestan que “dende que o PSOE chegou ao goberno non foi capaz de elaborar ningún proxecto e, polo tanto, víronse obrigados a prorrogar o do 2019 elaborado polo goberno do PP a pesar de ter votado en contra da súa aprobación. Incluso a señora alcaldesa prometera elaborar o do 2021 durante o ano pasado, pero estamos a marzo e aínda non se sabe nada”.
PXOM
O voceiro do Grupo Municipal Popular, Agustín Baamonde, sinala que en materia de urbanismo “hai moitas cuestións que están a lastrar o desenvolvemento do noso concello: a delimitación dos núcleos urbanos no medio rural, as bolsas de solo urbano non consolidado, a carencia de solo dotacional que fai imposible ampliar a zona escolar ou facer un novo cuartel da Garda Civil, por exemplo, ou a ausencia dunha normativa reguladora propia para o casco histórico ou a rehabilitación de vivendas”. Engade o popular que “a solución a estes problemas pasa pola aprobación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), unha ferramenta imprescindible para artellar o casco urbano, o modelo rural, a protección e aproveitamento do patrimonio cultural, histórico ou natural, etc.”.
A este respecto, Baamonde sinala que “ata o momento non houbo presa por acelerar a súa aprobación que supón un procedemento complexo e difícil”; pero “os tempos cambian e o desfase das normas subsidiarias que non se axustan ás esixencias da Lei do solo de Galicia crean lagoas e indefinicións que causan malestar na cidadanía”. Por iso, o Grupo Municipal do PP se interesa pola situación urbanística de Vilalba e das previsións do equipo de goberno en relación á elaboración do PXOM e pide, a través dunha moción, a comparecencia na sesión plenaria da alcaldesa ou do edil de Urbanismo; así coma a convocatoria urxente da Comisión de Urbanismo do Concello para avaliar a situación e planificar o desenvolvemento do PXOM.
POLÍGONO
Os populares tamén aprecian “abandono e parálise” por parte do goberno local á hora de facer realidade unha das demandas das empresas como é a creación de máis solo industrial que, “nestes momentos nos que todos debemos colaborar para reactivar a economía, se fai máis necesario ca nunca”. Despois de ter preguntado durante dous anos nas sesións plenarias pola ampliación do polígono Sete Pontes, instan de novo ao Goberno do Concello de Vilalba a tramitar coa maior brevidade posible a súa ampliación.
OUTRAS INICIATIVAS
O Grupo Municipal Popular preguntará na vindeira sesión plenaria polo informe para iniciar o estudo da situación legal do Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba (MUPAV) despois de que a alcaldesa dixera en novembro que estaría listo no primeiro trimestre deste 2021.
Igualmente, preguntarán polos motivos para renunciar a unha subvención de 8.712 euros concedida ao Concello para a reciclaxe de aceites vexetais.