O PP de Viveiro afea ao Concello por deixar sen duchas e lavapés as praias

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
O Grupo Municipal do PP de Viveiro manifesta publicamente a súa sorpresa ante o que considera “un exemplo máis da nula planificación e da cativa xestión do goberno local" ao deixar sen duchas e lavapés as praias, pois, segundo puideron comprobar, o Concello eliminou tamén outros servizos importantes como é a pasarela de madeira que facilitaba o acceso ás persoas con mobilidade reducida a de Area; areal que, por certo, conta con bandeira azul.
56532420_2032196690235682_8909237677853769728_n
4 sep 2020

O Grupo Municipal do PP de Viveiro manifesta publicamente a súa sorpresa ante o que considera “un exemplo máis da nula planificación e da cativa xestión do goberno local" ao deixar sen duchas e lavapés as praias, pois, segundo puideron comprobar, o Concello eliminou tamén outros servizos importantes como é a pasarela de madeira que facilitaba o acceso ás persoas con mobilidade reducida a de Area; areal que, por certo, conta con bandeira azul.

As boas condicións climatolóxicas están a propiciar que sexan moitos os que aínda acoden ás praias durante esta semana, sendo, por tanto, un importante reclamo turístico e, en consecuencia, unha oportunidade económica para o sector da restauración e o tecido empresarial do municipio. Por este motivo, dende o PP afirman: “custa crer que alguén que ten responsabilidades de goberno adopte decisións deste tipo en días e momentos como os que estamos a vivir e, sobre todo, que argumente para elo que o fai para priorizar o gasto". 

Os edís populares critican así "a pouca altura de miras" do goberno. E é que, insisten, a hostalería e o sector do turismo en xeral, están a ser uns dos gremios máis prexudicados pola pandemia, ao rexistrar unha importante merma de ingresos; o que obriga a estes empresarios a acollerse a un ERTE, prolongalo ou incluso ter que pechar as súas portas.

"Defendemos que se desinfecte todo o que sexa necesario. Niso estamos dacordo todos, pero a alcaldesa sabe que esta medida é un atentado aos intereses do turismo de Viveiro. Agosto foi mellor que xullo, pero non suficiente para remontar a situación, polo que todo o que se poida recuperar en setembro debe ser aproveitado. Non entendemos, por tanto, que, ante esta situación, se permita o luxo de quitar servizos nas praias", remarcan.

Isto demostra, apuntan, que "pouco ou nada" lle interesa a crítica situación que están a atravesar os sectores da restauración e do turismo. "De sentido común é que vendo a que está caendo, o Concello debería prolongar todos aqueles servizos que poden axudar á recuperación. Cústanos, de verdade, comprobar que se tomen decisións coma esta que, a maiores da mala imaxe que se da do pobo, teñen unha repercusión directa na economía". Por iso, dende o PP piden ao executivo local que "se centre e defenda os intereses de Viveiro e de todos os que traballan diariamente por manter o seu negocio e os empregos".

CONCELLO

O grupo de goberno do Concello de Viveiro lamenta unha vez más “o decoñecemento da realidade por parte do Partido Popular”, ao criticar o peche das duchas nas praias en setembro “só que único obxectivo de desprestixiar, pero sen saber do que fala”.

“O organismo que regula a concesión da bandeira azul incluso recomendaba este ano non abrir duchas e servizos nas praias en todo o verán pola crise sanitaria do coronavirus, pero no concello decidimos abrilas cun plan especial de limpeza e desinfección diaria”, explica o concelleiro e portavoz do grupo de goberno, Jesús Fernández.

“Supuxo un sobrecusto pero no concello consideramos importante que as praias contasen con todos os servizos, unha medida destinada ademais a axudar ao sector da hostalería e o turismo en xeral”, engade Fernández.

“O PP critica sen saber e sen informarse, hai moitos concellos que non abriron os servizos nas praias ou os parques infantiles en toda a tempada estival; en Viveiro apostamos por facelo reforzando os servizos de limpeza e desinfección”, afirma Fernández.

“Viveiro tivo en xullo e agosto duchas, colectores de lixo nas praias que agora mesmo están nas proximidades dos areais e servizos limpos e desinfectados que seguen abertos, todas elas infraestruturas que requeriron dun operativo de limpeza específico”, remate o portavoz do grupo de goberno, que recomenda ao PP “que se informe antes de falar”.

0.19705700874329