O PP de Viveiro insta á Deputación a crear unha liña de axudas directas a empresas

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
O portavoz provincial do PP, Javier Castiñeira, avisou de que os concellos non poden destinar os cartos do Plan Único da Deputación para axudas directas a empresas, contrariamente ao que parece estar empeñado en facer ver o presidente do organismo provincial, o socialista José Tomé.
24 Abr 2020

O portavoz provincial do PP, Javier Castiñeira, avisou de que os concellos non poden destinar os cartos do Plan Único da Deputación para axudas directas a empresas, contrariamente ao que parece estar empeñado en facer ver o presidente do organismo provincial, o socialista José Tomé. O portavoz popular en Viveiro, Óscar Rodríguez, á vista da situación xerada pola crise sanitaria nos sectores produtivos do municipio reclama á Deputación que deseñe unha liña de axudas a empresas, autónomos, etcétera que faciliten a reactivación da economía en todos os concellos da provincia.

Rodríguez, na liña do exposto polo portavoz provincial do PP, denuncia que realmente a Deputación no aportou nada ao Concello de Viveiro ata agora tanto en relación coa crise sanitaria debida ao coronavirus Covid-19 como ás dificultades económicas que xerou ata agora e que vai xerar no futuro inmediato. Rodríguez critica as declaracións do presidente da Deputación nas que, segundo recolleron os medios de comunicación, facilita aos concellos o uso do Plan Único para paliar os efectos da crise sanitaria. Lamenta que non aclare que eses cartos non poden dedicarse directamente ao apoio do tecido produtivo, algo que si pode facer a Deputación e non fai por máis que o demandan o PP e os sectores económicos.

Rodríguez di que os concellos teñen un papel fundamental para axudar a superar a crise sanitaria e as súas consecuencias económicas, pero a Deputación ten que cumprir coa súa principal obriga e establecer liñas de axuda directa. Recorda que o portavoz popular, Javier Castiñeira, solicita que esa liña de apoio se abra mediante os remanentes da Deputación.

0.18380498886108