O PP de Viveiro investiga a adxudicación do campamento de verán

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
A crise sanitaria provocada pola covid-19 xera unha crise económica de gran alcance, que en Viveiro xa se acusa en case todos os campos.
Captura de pantalla 2019 02 08 a las 14.22.09
24 Ago 2020

A crise sanitaria provocada pola covid-19 xera unha crise económica de gran alcance, que en Viveiro xa se acusa en case todos os campos. Por ese motivo, ás decisións das institucións, sinaladamente dos concellos no ámbito local, teñen que ser moi medidas para, dentro do posible, axudar a paliar as dificultades que atravesan as empresas, e moi especialmente as máis pequenas. Con este criterio como guía, os concelleiros do PP presentarán unha iniciativa para que o goberno municipal, presidido pola socialista María Loureiro, explique os criterios seguidos para a contratación da empresa que se encarga do campamento infantil de verán nesta cidade.

Para os concelleiros populares resulta moi chamativo que, habendo en Viveiro, como mínimo, media ducia de empresas especializadas en actividades de ocio, a ningunha delas, polo menos segundo a información obtida polo PP, se lle preguntara se estaría interesada en levar a cabo a citada actividade. A ningunha das que foron consultadas polos concelleiros populares se lle pediu formalmente desde o concello unha proposta de orzamento para desenvolver o campamento infantil de verán. O portavoz popular, Óscar Rodríguez, sinala: “É sorprendente que, sabendo que estas empresas de Viveiro o están pasando realmente mal, se lle encargue o traballo a unha firma que non é do municipio; que quede claro que non poño en dúbida os méritos da empresa contratada, só digo que resulta certamente sorprendente”

Para os populares, o Concello debería utilizar diferentes fórmulas para facilitar o ocio de verán dos rapaces, con todas as garantías sanitarias que esixen as actuais circunstancias. O portavoz popular sinala: “Unha fórmula usada nalgúns concellos é a do bono municipal para actividades; cada rapaz, dentro das condicións que se estipulan, pode participar nalgunha das actividades que organizan empresas especializadas”. Rodríguez di tamén: “O verdadeiro problema é que o goberno de Viveiro sigue instalado na súa zona de confort e enfronta todas as cuestións dende o lado máis cómodo, aínda que non sexa o máis interesante para as xentes de Viveiro e para as súas empresas”.

0.16157793998718