O PP de Viveiro quere que o Concello intente conseguir a cesión do mosteiro de Valdeflores
A Administración pública ten a obriga de velar pola conservación do patrimonio histórico-cultural e xestionalo da maneira que resulte máis útil para os administrados. Desde este convencemento, os concelleiros do PP de Viveiro defenderán na próxima sesión plenaria unha moción para que o goberno local faga as xestións precisas coa orde relixiosa titular do mosteiro de Nosa Señora de Valdeflores para conseguir a cesión deste edificio ao concello.
Os concelleiros populares destacan que “o mosteiro de Nuestra Señora de Valdeflores é un conxunto que representa un gran valor histórico patrimonial e arquitectónico para Viveiro”. Recordan que este conxunto “está protexido como Monumento Nacional”.
O grupo que ten por portavoz a Óscar Rodríguez sinala: “A súa fundación remóntase ao século XV e o edificio do mosteiro é de finais do XVII. Parece que consta que a súa realización foi feita con doazóns do pobo de Viveiro”. Engade: “Lamentablemente, en xuño de 2018 foi abandonado pola Orden Dominica (actual propietaria) e todo apunta a que dita Orde non se propón reiniciar a súa actividade en dito Mosteiro”. Ademais, “despois das riadas de novembro en Xunqueira vese especialmente danada a planta baixa, onde estaban os obradoiros e a residencia, con máis de 20 habitacións; as plantas 1 e 2 están en bo estado”.
Os edís populares destacan que “ tras a última rehabilitación conta cun tellado en moi boas condicións”. Sinalan que dende dita riada só a directiva da Confraría vela pola súa integridade, sabedores do perigo que esta situación supón para un recinto repleto de bens culturais, documentais, mobiliarios e artísticos.
No PP avisan de que “un inmoble deshabitado e sen función algunha acaba por deteriorarse completamente”; din que o Concello non pode deixar que un edificio así se encamiñe á ruína. Destacan os moitos servizos que este edificio podería prestar ao concello.