O PP de Xermada critica a rebaixa das compensacións polas conexións eléctricas
O Grupo Municipal Popular de Xermade condena “a redución dos 30 aos 16 euros por parte do goberno local do importante que se lles reintegraba aos veciños en compensación pola conexión dos focos do alumeado público ás instalacións eléctricas particulares das vivendas illadas que non dispoñen deste servizo conectado á rede municipal”. Polo tanto, proporán no pleno que “se compense aos veciños polo gasto real que lles supón na súa factura”.
O voceiro do PP de Xermade, Antonio Riveira, sinala que se trata “dunha proba máis do recorte de apoios e axudas por parte do Concello aos veciños”. Ademais, en relación á instalación de lámpadas LED que o goberno local expón como desculpa, explica que “se ve contrarrestada polo incremento da factura eléctrica nos últimos anos que fai que resulte dubidoso o reintegro do gasto real producido na factura eléctrica dos fogares”.
A proposta dos populares para corrixir esta situación recolle que: “o Concello realice un estudo real e actual do gasto que supón na factura eléctrica a conexión á liña particular dos focos do Concello, que se compense aos veciños polo gasto real de electricidade e que se estuden alternativas para evitar agravios entre a poboación de Xermade”.
Medidas urxentes
O Grupo Municipal Popular de Xermade tamén defende ante o pleno unha iniciativa para esixir ao Goberno de España un plan de medidas urxentes extraordinarias en defensa das familias e a economía española.
Trátase dunha proposta que o Partido Popular lle trasladou ao Goberno e que recolle medidas de aforro e racionalización do gasto público nas distintas administracións, outras dirixidas á transformación e á resiliencia das empresas e reformas para incentivar a actividade económica. Os populares propoñen tamén unha baixada de impostos selectiva, inmediata e temporal sobre os sectores máis afectados pola inflación, e para rendas baixas e medias.
A iniciativa do Grupo Municipal Popular tamén propón dirixirse á Xunta de Galicia para que continúe desenvolvendo as medidas previstas no Plan de Choque Autonómico e as medidas aprobadas no Parlamento galego para facer fronte á crise inflacionista e ás consecuencias derivadas da invasión de Ucraína.