O PP de Xermade acusa ao Goberno local de priorizar o interese partidista

TerraChaXa
O Grupo Municipal Popular condena a “falta de criterio” do rexedor que recoñeceu que igual non era a mellor ubicación para o cartel.
FOTO REITORAL XERMADE
20 Feb 2022

O Grupo Municipal Popular de Xermade reproba que “o goberno local priorice o interese partidista á conservación do patrimonio do noso municipio”. Así o entenden trala recente colocación dun cartel promocional de gran tamaño instalado sobre o propio muro da Casa Reitoral da parroquia de Santa María de Xermade recentemente adquirida polo Concello coa colaboración da Deputación.

O voceiro, Antonio Riveira, lamenta que “o alcalde lle dea máis importancia a dar a coñecer a nova adquisición e a aportación económica da Deputación que a velar pola correcta xestión da colocación do cartel”. Así se desprende das “presas que o propio alcalde recoñeceu no pleno para a súa colocación sen velar por unha correcta ubicación onde non causara un importante impacto visual nun entorno de gran valor patrimonial”. Condena, polo tanto, “que non se parara a pensar máis que en intereses partidistas demostrando unha gran falta de criterio”.

“O propio alcalde recoñeceu, ante as nosas preguntas, que igual non era a mellor ubicación e que non sabía se tiña que comunicalo ou pedir algún tipo de autorización ante Patrimonio”, explican os populares. A ese respecto, aclaran que “sería tan doado como preguntar e, nese caso, sabería que debería ter pedido un informe non vinculante”.

Outro exemplo

Riveira engade que “esta actitude non é sorprendente” porque “abonda con botar unha ollada á propia Praza do Concello, ao lado do Cristo Enxoito, onde se atopa un símbolo de Xermade e a propia Igrexa de Santa María. Alí vemos a evolución dun cartel anunciador instalado no seu tempo polo GDR Terra Chá, do ben arquitectónico que se quere promocionar. Dende que se vai esvaendo a cor do texto e da foto tanto lle serve ao PSOE para promocionar a candidatura do actual alcalde como para promocionar á Deputación Provincial de Lugo”.

0.18715906143188