O PP de Xermade critica os orzamentos cos que o Goberno "quere reduccir o SAF ao 50 %"

TerraChaXa
Os concelleiros populares botan en falta “investimentos reais no municipio” e actuacións concretas
grupo-municipal-pp-xermade
19 Nov 2025

Os concelleiros do PP de Xermade afean que “o equipo de goberno socialista presuma duns orzamentos municipais para o 2026 cos que pretende reducir servizos aos veciños e veciñas”.

A pesar de que os populares propoñían “estudar fórmulas menos drásticas e buscar posibles solucións como pode ser reclamar ao Goberno do Estado que financie a parte que lle corresponde do SAF e que leva anos sen achegar”; o portavoz socialista “fala de reducir o servizo nun 50% alegando que o Concello non pode asumilo. Prefiren reducir atención aos nosos veciños que reclamarlle a Sánchez que poña a parte que lle corresponde por lei e que a Xunta si está a achegar”.

“Para atender aos veciños non, pero para as dedicacións dos membros do goberno, que son excesivas en relación aos servizos que ofrecen, os socialistas si reservan fondos no orzamento do Concello”, afean.

Así mesmo, os populares condenan que “o equipo de goberno fale de que os ingresos se axustan ás necesidades do Concello, cando son máis reducidos que no 2025; a pesar de que cobran máis impostos aos veciños e veciñas”. É dicir, “máis impostos, menos servizos”.

Os concelleiros do Grupo Municipal Popular de Xermade botan en falta “investimentos reais no municipio” e actuacións concretas como “a mellora dos camiños públicos, un plan de sinalización, o fomento da tornaría e a promoción dos recursos propios como fonte de riqueza e dinamización socio-económica ou a aprobación do PXOM, entre outras necesidades para o municipio das que o goberno socialista parece esquecerse”, conclúen.

⚙ Configurar cookies
0.070008993148804