O PP de Xermade esixe a retirada dos residuos materiais dunha finca municipal
O Grupo Municipal do PP de Xermade solicitará no na sesión plenaria, a través dun rogo, que o Concello promova a retirada dos residuos materiais da finca municipal do Monte dos Patelos.
Os populares sinalan que “a finca municipal do Monte dos Patelos, en Candamil, acumula distintos tipos de residuos como plásticos e outros desfeitos ou mesmo material de construción”. De feito, condenan “a acumulación de material procedente do fresado de estradas públicas porque é ilegal igual que o seu uso sen tratamento previo”.
O voceiro do PP, Antonio Riveira, recrimina que “o goberno local só retire os plásticos e outros residuos cando chegan distintos restos esparexidos á estrada”, cando “a súa retirada debe levarse a cabo de forma habitual e de maneira planificada”.
Ante “esta situación de desorde que demostra unha falta de coidado do entorno e o ambiente e que presenta unha mala imaxe para os veciños e visitantes que entran a Xermade pola estrada provincial LU-2201 dende Candamil”, os populares apostan pola “colocación dunha barreira vexetal” co obxectivo de “dar pequenos pasos para que Xermade se converta nun concello máis acolledor”.
Os populares de Xermade proporán tamén que a corporación local declare o seu apoio á reivindicación da Xunta de Galicia ante o Goberno de España para que ingrese as contías do Imposto sobre o Valor Engadido (IVE) non liquidadas correspondentes ao exercicio 2017 como consecuencia da implantación do sistema de Información Inmediata. O voceiro do PP recorda que “esta decisión do Goberno central afecta directamente ao sistema de financiamento autonómico, pero tamén pode supor unha perda de recursos para os veciños e veciñas do noso concello” e por iso defende que “esta Corporación non pode permanecer allea a esta reivindicación”.
Na mesma liña, solicitan dende o Grupo Municipal do Partido Popular o apoio do Concello de Xermade á reivindicación da Xunta de Galicia ante o Goberno de España dunha convocatoria urxente do Consello de Política Fiscal e Financeira, cunha orde do día que inclúa un punto específico para abordar a aprobación a Galicia dos incentivos polo seu bo desempeño fiscal nos anos 2017 e 2018.