O PP de Xermade pide información á veciñanza sobre o inventario de camiños
O PP de Xermade cre que os veciños e veciñas deben ter a maior información e coñecemento posible sobre o inventario de camiños municipais e por iso pide ao goberno local que expoña o documento e os planos polas distintas parroquias e que ofreza información a aqueles veciños e veciñas que desexen presentar alegacións no Concello.
O portavoz popular, Antonio Riveira, explica que “no BOP deste sábado anúnciase que a partir do luns estará en fase de información pública o inventario municipal de camiños do Concello de Xermade, ao que se poderán presentar alegacións durante un período de 30 días hábiles”. O inventario foi aprobado inicialmente no Pleno o pasado luns 13 de maio cos votos a favor do PSOE e en contra dos concelleiros do Partido Popular “por terse tramitado con escasa publicidade e sen consulta pública aos veciños e veciñas”.
Tras unha primeira análise do documento, os populares indican que “se poden apreciar numerosos erros, omisións e, sobre todo, catalogacións como municipais de camiños sobre terreos que poden ser considerados como servidumes. En todo caso, deben ser analizados e debatidos para concluír a súa inclusión con criterios obxectivos e non variables”, indica o portavoz.
Os concelleiros do Grupo Municipal Popular cremos que “o inventario é necesario -e que debe ser presentado e aprobado nun prazo de tempo razoable- porque supón unha seguridade xurídica para os administrados e permite ao Concello unha mellor planificación das actuacións de conservación, defensa e mellora das vías municipais. Pero debe ser realizado de forma participativa, con información e con criterios obxectivos e xustificados para cada trazado”.
Riveira expón que “fomos moi críticos con esta tramitación porque entendemos que “debera ser exposto e amosado aos veciños, por parroquias, antes da súa aprobación inicial, para poder consultar e corrixir erros no documento. Coa aprobación sen consulta previa obriga aos veciños a alegar e presentar recursos para corrixir o inventario co conseguinte gasto e redución de fases de alegacións”, engade.
CONTRATACIÓN SEN PUBLICIDADE
Antonio Riveira lembra que “o equipo de goberno socialista xa presentara un inventario de camiños municipais no ano 2017 que fora aprobado inicialmente cun montón de erros e que, finalmente, foi suspendido pola cantidade de alegacións presentadas”.
Os populares dirixiron as súas críticas por aquel entón e agora tamén advirten de que “este inventario foi encargado directamente, sen sacar a contratación a concurso público, e cun custo de preto de 18.000 euros para as arcas municipais”.