O PP de Xermade pide que se realice o mantemento de pistas e camiños de forma periódica
O Grupo Municipal do PP de Xermade insta ao goberno local a realizar periodicamente os traballos de mantemento das pistas e camiños. Os concelleiros defenden que “os camiños públicos facilitan a vida da veciñanza e favorecen o traballo no rural” e, polo tanto, “non se poden deixar abandonar”. Así o manifestaron no último pleno poñendo como exemplo algúns camiños da parroquia de Burgás que comunican As Testas, Os Cucos ou Xemaré.
O portavoz, Antonio Riveira, explica que “os accesos ás fincas agrícolas son de vital importancia para as explotacións gandeiras do municipio e, no caso das zonas onde impera o minifundismo, máis aínda”. De feito, na parroquia de Burgás “os veciños téñennos trasladado o seu malestar porque as pistas de acceso ás fincas son intransitables e provocan atrasos no traballo diario dos gandeiros”. E isto débese ao seu “estado de abandono”; xa que “fai anos que non se lles realiza un mantemento”.
O camiño das Testas -que comunica incluso lugares poboados como As Testas e o Carballal e que fora mellorado por anteriores gobernos municipais- atópase abandonado nos últimos anos e resulta “intransitable”. O camiño dos Cucos -tamén acondicionado por un goberno popular- presenta abandono e “importantes fochancas que denotan a falta de interese pola súa conservación”. E o camiño de Xemaré, en dirección a Castiñeiras, ademais dun mal estado no primeiro treito “chega un punto no que non se pode transitar por el”.