O PP de Xermade pide un estudo previo ao deseño do proxecto para a casa reitoral
O Grupo Municipal Popular de Xermade instou ao goberno local no pleno deste xoves a facer un estudo “real e realizable” para deseñar un proxecto para a casa reitoral de Santa María de Xermade.
Os populares propoñen que o Concello conserve os locais de valor cultural existentes na planta baixa do edificio -unha bodega do forno, unha cociña con lareira e unha corte con estrume de maraña- polo seu valor cultural, didáctico e antropolóxico e completar a posta en valor da construción con elementos etnográficos do medio rural galego dos séculos pasados.
Así mesmo, consideran que “na primeira planta hai cabida para outras mostras da nosa riqueza etnográfica e histórica. De feito, a propia construción é amosa a forma de tabicar nas antigas vivendas”. Tampouco se debe descartar habilitar un espazo para o torno e a madeira servindo como enlace físico coa Aldea Artesán da Fraga, de Cazás. Igualmente, dende o PP local apostan por “crear un espazo para a mostra da bibliografía dos nosos veciños ilustres -Villares, Mouriño, Guerreiro...- sen pretender substituír á biblioteca pública municipal”.
Tras as sucesivas declaracións do alcalde propoñendo distintas actuacións para acometer na antiga casa reitoral; o voceiro, Antonio Riveira, pediu que “se esqueza de transformar un edificio de importante valor arquitectónico nun local diáfano carente de contido etnográfico e antropolóxico”.
Riveira lembra que “primeiro o alcalde non quería saber nada da casa reitoral. Despois, tras ser adquirida pola institución provincial, propuxo facer unha mestura entre local etnográfico e un auditorio na primeira planta. Noutra ocasión, falaba dun espazo museístico na primeira planta e o auditorio na planta baixa e, ultimamente, destinalo a exposición de tornería”.
O popular condena “a falta de criterio” do goberno local e, o que é máis grave, “a difusión de ideas sen contar cos estudos necesarios e a opinión dos técnicos”. De feito, lamenta que “non se parara a pensar na destrución dos elementos arquitectónicos que suporían as obras para acondicionar toda unha planta como auditorio nin no cumprimento da normativa en materia de seguridade”.