O PP de Xermade presenta a candidatura liderada por Antonio Riveira
O PP de Xermade presentou a candidatura coa que concorre ás vindeiras eleccións municipais, e que encabeza Antonio Riveira, arroupado polo responsable de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades do Goberno galego, Román Rodríguez; o coordinador xeral do PP da provincia de Lugo, o deputado José Manuel Balseiro; a deputada autonómica Sandra Vázquez. “Somos un equipo de traballo unido e preparado para as tarefas de xestión dun Concello coma o de Xermade: tanto para sacar adiante as cuestións pendentes ou paralizadas -PXOM, inventario de camiños, renovación dos contratos do SAF e da recollida do lixo- coma para facer fronte aos proxectos de futuro”, sinalou o alcaldable.
O candidato popular á Alcaldía explicou que se trata dunha lista “paritaria, representativa das 10 parroquias do concello e renovada nun 50% que incorpora xente nova con ganas de traballar por Xermade e tamén persoas con experiencia política previa”. Entre os titulares repiten José Luís Vilasuso, Laura Romero e Manuel Prieto; e incorpóranse á candidatura por primeira vez Sandra de Bernardo, Rubén Amarelo, María Isabel Barro, Jesús López e Rocío Jiménez. No caso dos suplentes, a renovación alcanza tamén a metade dos membros da lista.
Riveira amosouse agradecido por “contar co apoio das 18 persoas que o acompañan na lista, pero tamén doutros colaboradores que participan activamente para facer máis grande este proxecto a pesar de que xa non había máis lugares dispoñibles na candidatura porque a lexislación só permite 9 titulares e 10 suplentes”.
O alcaldable agradeceu tamén o apoio de Román Rodríguez e lembrou que “o ano pasado o seu departamento investiu máis de 260.000 euros en obras de mellora do colexio de Xermade, nunha clara aposta por mellorar os servizos en concellos do rural”.
Pola súa banda, o coordinador xeral do PP lucense manifestoulle o apoio da formación a nivel provincial e amosouse convencido de “lograr a maioría absoluta neste concello onde no 2019 o Partido Popular quedou a poucos votos de alcanzar o goberno”. Para iso, defendeu que “o PP conta en Xermade cun candidato con experiencia, xa que foi tenente de alcalde; que estará acompañado por unha candidatura que mestura renovación e experiencia”.
CANDIDATURA
- Antonio Riveira Requeijo. Enxeñeiro agrícola nacido en Miraz e que traballa en Xermade
- Sandra de Bernardo Eimil. Técnico superior en márketing e publicidade e estudos de Relacións Laborais e Recursos Humanos. Cazás
- José Luís Vilasuso Paz. Enxeñeiro proxectista. A Touza (Cabreiros).
- Laura Romero Gato. Administrativa, de Roupar.
- Rubén Amarelo Paz. Bombeiro forestal. Momán.
- María Isabel Barro Millor. Gandeira dunha explotación láctea, de Burgás.
- Jesús López Orosa. Comercial retornado á súa parroquia natal, Lousada.
- Rocío Jiménez Miguel. Auxiliar de Axuda no Fogar, de Framil (Piñeiro).
- Manuel Prieto Bello. Transportista do sector lácteo. Candamil.
Suplentes:
- Isabel Campello Ares. Avogada. Cazás.
- José Gato Galego. Traballador de enerxías renovables. Cabreiros.
- María Alicia Guerrero Ferrando. Auxiliar de Axuda no Fogar. Roupar de Abaixo.
- Luís Pena Carballo. Traballador do metal. Xermade
- Josefa Pires Rodríguez. Gandeira do sector cárnico. Piñeiro.
- Andrés Ares Ameijide. Traballador dunha planta de formigón. Xermade.
- Ramón Eugenio Otero Otero. Comercial sector agroalimentario. Lousada.
- Antonio Currás Paz. Xubilado vinculado á UNED Sénior. Momán.
- Alberto Pena Criado. Xubilado vinculado ao deporte. Miraz.
- Francisco López Pena. Gandeiro e presidente da comunidade de montes veciñais de Piñeiro.