O PP de Xermade propón no nomeamento de José Mouriño Cuba como fillo predilecto

TerraChaXa
O PP de Xermade propón que o Concello nomee fillo predilecto a José Mouriño Cuba, biólogo e enxeñeiro técnico agrícola natural de Ameixido,
JOSE MOURINO CUBA XERMADE
21 Out 2022

O PP de Xermade propón que o Concello de Xermade nomee Fillo Predilecto a Don José Mouriño Cuba. Así o trasladaron os populares a través dun rogo no último pleno da corporación municipal ao considerar ao biólogo e enxeñeiro técnico agrícola natural de Ameixido, na parroquia de Santo André de Lousada, merecedor da máxima distinción que pode conceder un Concello por ser “un gran impulsor do proceso de industrialización agroalimentaria en Galicia” e que, ademais, “sempre levou o nome de Xermade e a súa defensa por tódolos sitios”. Nese sentido, instan ao goberno local a promover e tramitar a declaración de Fillo Predilecto.

Os populares subliñan “o seu destacado currículo e o seu traballo á fronte da xefatura do Servizo de Industrialización e Promoción Agroalimentaria da Consellería do Medio Rural en Lugo, onde fomentou a creación de denominacións de orixe en Galicia -  D.O. Ribeira Sacra, DOP San Simón da Costa, D.O. Queixo do Cebreiro, IXP Pataca de Galicia ou IXP Tenreira Galega- e a implantación da produción ecolóxica como ferramentas para dinamizar o agro lucense e loitar contra o despoboamento”. 

Mouriño Cuba é tamén responsable de diversas investigacións e publicacións, libros e revistas e artigos en prensa que sentan cátedra. É Embaixador do Queixo do Cebreiro, Encomendador da Orde da Alquitara e Billó de Ouro ou membro da Academia Galega de Gastronomía, entre outras consideracións. Pero, “aos seus méritos profesionais únense os persoais e a calidade humana do persoeiro que traballou sempre para o pobo”, segundo subliñan dende o PP de Xermade.

Recoñecemento a veciños que “son unha honra para o municipio”

“Sen esquecer a outros persoeiros que teñan destacado de forma extraordinaria polas seus méritos persoais, polo seu servizo público ou por algún outro motivo que supoña unha honra para o municipio, cremos que Don José Mouriño Cuba merece ser recoñecido con esta distinción do Concello de Xermade e sumarse, así, a Don Ramón Villares Paz e Don Juan Fraguío Vázquez, como fillos predilectos do noso Concello”, explica Riveira.

0.16929602622986