O PP de Xermade quéixase do estado do campo de fútbol de Cazás

O Partido Popular de Xermade critica a “falta de mantemento” do campo de fútbol de Cazás que, segundo afirman "se atopa nun estado deplorable que dificulta o xogo”.
Ante as preguntas dos populares, “o goberno local o único que fixo foi de desentenderse das súas responsabilidades” sobre este asunto apuntando unicamente “ao clima” como responsable da actual situación do terreo de xogo. Pero dende o PP inciden en que “o goberno non fixo o oportuno mantemento durante a época estival”, o que demostra “o total pasotismo dos socialistas”.
O Grupo Popular tamén achegou propostas ao último Pleno. Por unha banda, propuxeron que o Concello tramite a solicitude de axudas para proxectos innovadores do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico para a antiga Casa consistorial de Castiñeiras, coa súa adquisición previa ou acordo de uso, para dirixir a mellorar os servizos públicos, emprendemento, cultura ou asociacionismo, entre outros.
O goberno local está a renovar este edificio singular, pero nin é suficiente o orzamento inicial nin se está a rehabilitar respectando o seu valor histórico e patrimonial ao “ocultar elementos arquitectónicos e etnográficos de uso para o que supostamente se pretende, como centro da tornaría, e ocultar acabados en pedra e, ao mesmo tempo, construír edificacións auxiliares coa pedra como recubrimento, pero non como estrutura”.
Dende o PP de Xermade tamén propoñen que o Concello promova unha mostra de recoñecemento á figura do que fora secretario municipal, Luís López Pena (1937-2026), falecido nos primeiros días deste ano.