O PP de Xermade urxe a limpeza da finca dos Patelos

TerraChaXa
O PP de Xermade urxe a limpeza da finca dos Patelos. Deposítanse plásticos agrícolas e atópanse todo tipo de restos, incluso perigosos
Finca Patelos xermade limpeza lixo
23 Feb 2022

O Grupo Municipal Popular de Xermade urxe ao goberno local a acondicionar a finca dos Patelos que, “ademais de proxectar mala imaxe nun lugar tan visible preto dunha estrada de acceso á capitalidade municipal, a que une Candamil e Xermade, non cumpre coa normativa sobre a correcta xestión de residuos”.

Os populares levaron unha iniciativa ao último pleno municipal para que o Concello limpe e retire o lixo acumulado nesta finca municipal habilitada como punto de recollida de plásticos agrícolas, pero que “nos últimos tempos se usa como depósito de todo tipo de materiais, de obra e de escombro”.

O portavoz, Antonio Riveira, explica que “onde se depositan os plásticos agrícolas atópanse, a miúdo, todo tipo de restos, incluso de residuos perigosos. Ademais, o propio Concello utilízao como almacén de áridos e de material de fresado que non recibiu un tratamento previo”.

Riveira advirte que “o propio Concello de Xermade xa tivo denuncias e sancións polos danos ambientais provocados polos depósitos de lixo”.

0.20232510566711