O PP de Xermade urxe ao goberno local o arranxo da pista de Fonxerez

TerraChaXa
Reclaman tamén levar a cabo un plan periódico de conservación das vías municipais
Pista-Fonxerez-xermade
3 Jun 2025

Os concelleiros do PP de Xermade esixen ao goberno municipal socialista o arranxo da pista de Fonxerez. Os populares volveron reiterar na última sesión do Pleno da Corporación a necesidade de actuar nesta vía: “cada vez é maior o seu deterioro, pero o goberno socialista segue facendo oídos xordos a pesar de que o temos advertido en reiteradas ocasións”.

Nese sentido, lembran ao goberno local “a necesidade de realizar un plan de mantemento e conservación periódica nas vías municipais para evitar a degradación das mesas e que xeren prexuízos aos veciños e veciñas”.

Os populares tamén esixiron información aos responsables do goberno local sobre as actividades dirixidas aos máis pequenos para favorecer a conciliación das familias do municipio.

Ante as respostas do alcalde socialista, os populares destacan que “mentres o Partido Popular impulsou as actividades de verán ás que este goberno se limita a darlles continuidade sen ningún tipo de proposta propia; o PSOE négase a impulsar outras novas actividades” para favorecer a conciliación coma o programa Madrugadores.

Dende o PP de Xermade lamentan que “o equipo de goberno considere que non merece a pena un servizo de conciliación”; xa que “o alcalde asegura, cada vez que lle preguntamos por esta cuestión, que se apunta pouca xente”.

Os populares manteñen que “este tipo de servizos se debe prestar para favorecer a conciliación da vida laboral e familiar sen ter en conta o número de posibles usuarios cada ano. Precisamente a garantía deste servizo pode contribuír a asentar familias no noso municipio”.

⚙ Configurar cookies
0.096665859222412